A CIG-Administración mobilizarase diante da Subdelegación do Goberno en OURENSE para demandar medidas que revertan a perda de poder adquisitivo no sector público

Mércores, 12 Mar 2025

Reclámalle ao Goberno español que convoque a Mesa Xeral para abordar os incrementos salariais, a xornada ou a xubilación

Concentración do pasado xoves en Pontevedra Mañá, xoves, 13 de marzo, a CIG concentrarase diante da Subdelegación do Goberno en OURENSE para reclámalle ao Goberno español que convoque a Mesa Xeral para abordar os incrementos salariais, a xornada ou a xubilación.

Dentro da campaña de mobilizacións deste sindicato nas Subdelegacións do Goberno en Galicia, mañá o faremos nesa provincia. No contexto de negociación dos Orzamentos Xerais do Estado "nos que non se fala dos salarios do persoal empregado público", a CIG-Administración convocou mobilizacións nas diferentes comarcas contra a precariedade salarial e para avanzar nos dereitos laborais. Con este obxectivo, a central sindical reclámalle ao Goberno español que convoque xa a Mesa Xeral das Administracións Públicas para abordar unha serie de medidas que permitan reverter o empobrecemento. O secretario nacional da CIG-Administración, Luís Carballo, lembra que nos últimos sete anos, CCOO, UXT e CSIF, asinantes de acordos nas administracións públicas, "contribuíron á perda de máis do 20% de poder adquisitivo para o persoal empregado público". A CIG-Administración demanda que se poñan en marcha as seguintes medidas:

- Cláusula de garantía salarial que vincule os salarios ao IPC, para que o aumento dos prezos se vexa reflectido no poder adquisitivo. Esta cláusula debe ser protexida por lei e aplicarse a todo o persoal empregado público.

- Negociar acordos salariais anuais ou plurianuais para evitar a conxelación dos salarios. Para este 2025, a central demanda un aumento do 5%. Estas negociacións débense facer na Mesa Xeral do persoal empregado público "con transparencia e sen sometemento ás centrais sindicais estatais".

- Redución da xornada laboral a 35 horas semanais en 2025 e avanzar cara ás 32 horas en 2026. Así mesmo, a creación de novas prazas, a actualización dos perfís laborais (perfís dixitais) e a regulación do teletraballo, para adaptarse á realidade actual e garantir o emprego público.

- Xubilación CIG oponse ás reformas do Goberno que pretenden eliminar a xubilación forzosa e prolongar a idade de xubilación voluntaria até os 72 anos. A central defende a recuperación da xubilación parcial aos 61 anos e un aumento dos haberes reguladores de clases pasivas para equiparar os réximes.

- Promoción da lingua galega: proponse crear un ámbito de negociación específico para Galiza que promova o uso e coñecemento da nosa lingua no acceso e provisión de postos, así como un complemento salarial por este motivo. "Queremos avanzar cara a unha sociedade con plenos dereitos lingüísticos".