
A CIG ASINA UN ACORDO CO MINISTERIO SOBRE A LEI DE EFICIENCIA ORGANIZATIVA

Este martes 16 de xullo, a CIG chegou a un acordo co Ministerio sobre a reforma da LOPX que supón a aprobación da Lei de medidas para a eficiencia organizativa do servizo público de Xustiza. As delegadas e delegados deste sindicato levamos preto de dous anos acudindo periodicamente ás mesas de Madrid, presentando múltiples alegacións aos textos que se ían presentando, para conseguir que o proxecto de lei mudara naqueles aspectos que considerabamos lesivos para o persoal da Administración de Xustiza de Galiza, tendo sempre en conta a situación dos órganos xudiciais do noso país.
En virtude deste acordo acadado hoxe, o Ministerio comprometese a presentar, a través do grupo parlamentario socialista no Congreso, unha serie de emendas ao proxecto para incluír algunhas modificacións que ao longo deste tempo viñemos solicitando. Como sempre sucede, non se acadaron o 100% dos obxectivos expostos pero, dende esta central consideramos que con estas emendas mellórase sustancialmente o texto inicial, favorecendo a situación de todo o persoal da Administración de Xustiza.
Neste acordo que, como dicimos afecta a corpos xerais, especiais e LLAX, inclúe unha disposición adicional sobre o teletraballo, un compromiso de negociar no ano 2025 a carreira profesional, as RRPPT do Rexistro Civil e a revisión dos grupos de poboación.
En canto á promoción interna, conseguiuse subir a porcentaxe a un 50%, se ben nos corpos xerais e especiais non é, como solicitabamos, sobre o total de vacantes, senón das prazas ofertadas na OPE.
O acordo garante o mantemento das retribucións actuais, así como o número total de efectivos, tanto os existentes na actualidade como os que se cren durante o proceso de acoplamento. En todo caso, nos servizos comúns de tramitación existirán áreas obrigatoriamente a partir de doce prazas xudiciais e equipos a partir dos cincuenta efectivos, garantindo a posibilidade de mobilidade entre eles. Estas dúas cuestións supoñen un grande avance fronte ao proxecto presentado.
Así mesmo este acordo garante que unha vez constituidos os Tribunais de Instancia se procederá á negociación colectiva das relacións de postos de traballo. Será nese momento cando teñamos que procurar que o deseño da futura oficina xudicial sexa o máis favorable posible.
Quedaron polo camiño algunhas reivindicacións importantes, que por suposto non abandonamos, como é a dunha nova regulamentación das funcións de cada corpo ou o aumento do complemento xeral do posto.
Tampouco se acadou a reforma da regulamentación da xubilación forzosa polo veto de CSI-F, que fixo que a última hora o Ministerio retirara a súa conformidade coa modificación. Grazas a este sindicato, aqueles/as funcionarios/as, tanto titulares como interinos/as, pertencentes ao réxime de Seguridade Social, cando cumpran os 65 anos serán xubilados forzosamente (salvo que a Administración lles conceda a prórroga, algo ao que non está obrigada) pero sen dereito á prestación por xubilación ate os 66 anos e 6 meses (neste 2024).
Nós propoñiamos que o texto da LOPX fose idéntico ao que xa ten o TREBEP, o que solucionaría o problema, pero ao parecer, como actualmente só a Xunta de Galiza obriga á xubilación sen dereito a prestación (co amparo xudicial), parece que ao CSI-F español o que suceda en Galiza non lle importa, e os delegados e delegadas de CSI-F no noso país tampouco parecen defender a este persoal. A próxima persoa que se vexa afectada por esta situación, como xa teñen sido varias antes, que pida explicacións a quen ten que facelo.