A CIG chama a continuar coa mobilización do persoal civil de Defensa o 22 de setembro

Martes, 15 Set 2026

A CIG chama ao persoal civil do Ministerio de Defensa a continuar mobilizándose o vindeiro martes 22 de setembro, con concentracións diante da Escola Naval Militar de Marín e no Arsenal Militar de Ferrol.

A mellora retributiva percibida polo persoal civil de Defensa durante 2025 supuxo un avance importante, pero segue sen estar consolidada de maneira estable na estrutura retributiva dos postos de traballo.

Desde o inicio de 2026, a CIG vén reclamando que estas cantidades deixen de depender de fórmulas provisionais ou dunha produtividade que debe ser autorizada periodicamente e se transformen nunha retribución estable, permanente e garantida para todo o persoal civil do Ministerio de Defensa.

A reivindicación da CIG é clara, incremento do complemento específico para o persoal funcionario e incremento do complemento cingular do posto para o persoal laboral, de maneira que a mellora salarial quede incorporada definitivamente ás retribucións dos postos de traballo.

No caso do persoal funcionario, a CIG presentou unha proposta para que a Mesa Delegada acorde solicitar a Función Pública e Facenda o inicio dos procedementos necesarios para incrementar o complemento específico mediante a correspondente modificación das relacións de postos de traballo.

Do mesmo xeito, reclamamos unha suba para o persoal laboral a través do Complemento Singular de Posto, garantindo que a mellora retributiva alcance e quede consolidada para o conxunto do persoal civil de Defensa. 

Non aceptamos que unha mellora salarial destinada a recoñecer as especiais características do traballo desenvolvido no Ministerio quede sometida á incerteza ou dependa de decisións anuais.

O 22 MOBILIZÁMONOS, O 24 NEGÓCIASE

A mobilización do día 22 cobra especial importancia porque dous días despois, o 24 de setembro, está convocada unha nova reunión da Mesa Delegada de Negociación do Ministerio de Defensa.

É o momento de que o Ministerio deixe de prolongar a incerteza e dea pasos concretos. A CIG defenderá na Mesa a súa proposta para que se inste a Función Pública e Facenda a iniciar os procedementos necesarios para facer efectivo o incremento do complemento específico.

A concentración do día 22 debe servir tamén para enviar unha mensaxe clara ao Ministerio antes da Mesa Delegada, e que saiban que o persoal civil non vai renunciar a que a súa mellora salarial quede consolidada.

Por iso, a CIG chama á participación do persoal nas concentracións convocadas para o

22 de setembro

ESCOLA NAVAL MILITAR DE MARÍN

ARSENAL MILITAR DE FERROL

 

MESMO MINISTERIO, MESMO RECOÑECEMENTO!

O 22 MOBILIZÁMONOS — O 24 LEVAMOS A REIVINDICACIÓN Á MESA!

POLA CONSOLIDACIÓN DA SUBA SALARIAL!

POR UNS SALARIOS DIGNOS PARA O PERSOAL CIVIL DE DEFENSA!

O 22 DE SETEMBRO, MOBILÍZATE COA CIG! 

  • Administración Xeral do Estado
  • AXE
  • Defensa