A CIG chama novamente ao persoal civil empregado no Ministerio de Defensa en Galiza a mobilizarse por salarios dignos en Ferrol e Marín

Mércores, 15 Abr 2026

Despois da concentración realizada no mes pasado ante o Arsenal de Ferrol e a Escola Naval Militar de Marín, a CIG convoca de novo ao conxunto deste colectivo do persoal público da Administración Xeral do Estado en Galiza a continuar a mobilizarse en defensa de salarios dignos, e pola solución definitiva da discriminación salarial cometida polo Ministerio de Defensa ao incrementar as retribucións do persoal militar deixando excluída à parte civil, que tamén compón o cadro de persoal deste Ministerio.

Este conflicto laboral por motivos salariais de discriminación entre o persoal dun mesmo Ministerio áchase nun momento chave en canto à solución da causa orixinaria do conflicto, nun escenario no que, habendo vontade real pola Administración e o resto de organizacións sindicais que compoñemos a Mesa Xeral de Negociación, se lle pode dar unha solución definitiva ao problema.

A CIG presentou a finais do mes de marzo ante Función Pública unha proposta para a Mesa Xeral de Negociación da Administración Xeral do Estado orientada a abrir un proceso negociador real que permita insataurar unha mellora salarial por dereito, e non por concesión unilateral da Administración, porque entendemos que a solución ao conflicto pasa por “facer o mesmo que se fixo co persoal militar”, en cantidade e forma, co obxectivo de blindar definitivamente nas nóminas do persoal civil a mellora salarial froito da discriminación cometida e recoñecida, en parte, pola Administración coa gratificación salarial ofrecida a finais do 2025.

Mentres agardamos a que Función Pública convoque formalmente dito organismo de negociación, da CIG impulsamos e promovemos a mobilización activa do persoal como ferramenta de presión colectiva para conseguir estabilizar a mellora salarial.

Convocamos ao persoal civil empregado no Ministerio de Defensa en Galiza a loitar por salarios dignos en dúas concentracións para o mércores 22 de abril às 11,00hh, unha ante a Escola Naval Militar de Marín e a outra na porta do Parque do Arsenal Ferrol.