
A CIG declara o conflito colectivo na AEAT para reactivar a carreira profesional e frear a perda de poder adquisitivo do persoal

A Confederación Intersindical Galega (CIG), sindicato maioritario na Administración do Estado en Galiza, canda outras organización sindicais ven de interpoñer un conflito colectivo diante da Dirección Xeral da Axencia Tributaria (AEAT). O conflito, declarado coincidindo co inicio da campaña da renda, persegue negociar o desenvolvemento e execución do acordo de carreira, aprobado en 2007 e sen aplicar. Neste sentido, demándase aplicar sucesivamente a carreira horizontal, implantar a carreira vertical, impulsar a promoción interna e combinar o traballo a distancia co acordo de mobilidade para achegar o funcionariado galego ao país. Canda a negociación do teletraballo, o conflito declarado pola CIG e as restantes organizacións sociais busca a negociación dun novo convenio colectivo para o persoal laboral da AEAT e a negociación dos criterios de reparto das bolsas de produtividade dado que actualmente, o sistema implantado pola Dirección da AEAT beneficia ao colectivo de inspectores de Facenda sobre a maioría do persoal da Axencia Tributaria. Ademais, a CIG demanda tamén melloras das condicións laborais para o Servizo de Vixilancia Aduaneira, catalogándoo como profesión de risco e reforzando os medios materiais e humanos do mesmo. Neste sentido, destacan a precariedade de medios das bases marítimas galegas, poñendo como exemplo o barco da base de Muros, con máis de 40 anos de antigüidade.