
A CIG demanda que todos os destinos de Galiza se oferten como posíbeis no panel AHP

Aínda está presente o exemplo do acontecido no panel anterior coa Administración de Ribeira: dous mobilidades deixaron esta PIA en mínimos, sen ter presente tampouco a Dirección as xubilacións que están por producirse. E todo por non ofertala como posíbel no panel
A situación non é exclusiva de Ribeira: na Delegación de Ourense de aquí a fin de ano o goteo de xubilacións deixará baixo mínimos absolutos as dependencias, a Dirección da AEAT acaba de de negarse a mover un técnico a Ponteareas e a cubrir prazas en outras PIAS en contra do criterio do propio Delegado Especial...
As carencias das Administracións galegas son de sobra coñecidas. Levamos anos dando datos da situación e idade dos seus cadros de persoal e presentando táboas comparativas da evolución dos seus efectivos lustro tras lustro. Os paneis son unha boa ferramenta para revertir a situación límite de moitas delas, pero a Dirección da AEAT non está por reforzar administracións e PIAs, senon por empuxar á cidadanía a chats e liñas telefónicas ou obrigala a cubrir distancias enormes en moitos casos para poder optar a atención presencial. O contrario ao que é un servizo público de calidade
Ofertar como posíbeis todos os destinos permitiría reforzar as Administracións e Delegacións. Garantir que se sae unha persoa, hai opción de cubrir o oco con outra. Evitar que as persoas que queden teñan que asumir maiores cargas de traballo, máis dificultades para organizar traballo, libranzas, vacacións... Evitar situacións que repercutan negativamente na saúde do persoal e no clima de traballo por incrementar o estres...
Xa non entendemos na CIG a negativa a ofertar como Asegurada a cobertura de prazas en destinos onde é máis cá evidente a falta de persoal e máis cá inminente a xubilación de parte dos seus efectivos. Non poñer nome ao problema non quere dicir que non exista...
Na CIG cremos que unha boa xestión do persoal e da ferramenta dos paneis debe anticiparse a todas estas cuestións, acompasar a demanda de mobilidade do persoal coas necesidades de cobertura de postos para dar unha atención ao público e un servizo público de calidade. Por estes motivos, vimos de demandar por escrito que se oferten todas as prazas cando menos como posibeis- demanda que vimos repetindo unha tras unha en todas as comisións dos paneis. Seguiremos insistindo por máis que non entre na cabeza da Dirección da AEAT...