A CIG denuncia a exclusión das oficinas de extranxeiría no proceso de regularización e rexeita a súa externalización en TRAGSA
Na xornada de hoxe, 18 de marzo, fomos convocados á Comisión Subdelegada dos Servizos Territoriais das Delegacións e Subdelegacións do Goberno, por parte da Administración, interviñeron a Secretaria Xeral de Coordinación Territorial e o Director Xeral da Administración Xeral do Estado no Territorio.
A Administración trasladou a súa visión sobre o proceso extraordinario de regularización en marcha, así como os cambios organizativos previstos no ámbito das oficinas de extranxeiría.
En primeiro lugar, informouse de que estamos ante un proceso de enorme dimensión, no que se calcula que se poderían tramitar arredor de 700.000 solicitudes de regularización. Para dar cobertura a este procedemento, estase a elaborar un Real Decreto, aínda pendente do informe do Consello de Estado, que irá acompañado dun plan operativo e dun plan de comunicación, coa intención de que todo o paquete normativo e organizativo poida ser aprobado no próximo Consello de Ministros do mes de marzo.
Confirmouse de maneira clara que as oficinas de extranxeiría e o seu persoal quedan fóra do proceso de tramitación, malia ser os servizos públicos que historicamente teñen asumido esta función e que contan coa experiencia, coñecemento e capacidade acreditada para facelo. A decisión xustifícase nun suposto escenario de saturación que, curiosamente, a propia Administración recoñece que se está a corrixir con datos de incremento de produtividade e reforzo de persoal.
É dicir, aos profesionais que teñen a experiencia, o coñecemento e a competencia directa nesta materia. Quen mellor sabe facer o traballo é precisamente quen é apartado del.
Resulta especialmente significativo que, mentres se expoñen cifras que amosan unha mellora evidente na capacidade de tramitación, se manteña o argumento do colapso para excluír precisamente a quen mellor pode garantir o éxito do procedemento. Unha contradición que só pode explicarse desde unha decisión política previamente adoptada.
Así mesmo, quedou patente que o modelo escollido aposta por derivar a xestión do proceso a UTEX e a estruturas alleas ás oficinas de extranxeiría como é TRAGSA, o que supón na práctica unha externalización dun procedemento que debería ser xestionado directamente polo persoal público. Esta decisión non só cuestiona o papel das empregadas e empregados públicos, senón que introduce un modelo de xestión que desde a CIG rexeitamos de maneira frontal.
A maiores, anunciouse a posibilidade de habilitar servizos en horario de tarde con carácter voluntario, vinculados a incentivos de produtividade.
Desde a CIG queremos deixar claro que, as oficinas de extranxeiría quedan fóra da tramitación, limitadas a un papel secundario na recepción de solicitudes só nas unidades “non tensionadas” (sin clarificar cales son). Este modelo non é o que precisa a Administración nin a cidadanía. O que se require é reforzar os servizos públicos, confiar no persoal que xa está a demostrar a súa capacidade e garantir que procesos desta relevancia se xestionen desde o público e con criterios de calidade, eficacia e responsabilidade.
O ocorrido nesta comisión confirma unha liña de actuación deste Goberno, consisitente en apartar ao persoal público das funcións que lle son propias para avanzar cara a modelos de externalización.
A CIG continuará defendendo con firmeza,
1. A participación directa das oficinas de estranxeiría na tramitación do proceso de regularización debe ser innegociable. 2. O reforzo estrutural de persoal e medios, non solucións temporais.
3. Que se paralice calquera intento de externalización ou privatización encuberta.
4. O respecto ao papel do persoal público como garante dun servizo eficaz, próximo e de calidade.