A CIG denuncia a exclusión ilegal da negociación colectiva na AEAT por parte da Dirección Xeral

Venres, 29 Mai 2026

A CIG denuncia que a Directora Xeral da AEAT citou o pasado día 26 de maio aos sindicatos SIAT, GESTHA e UGT a unha reunión de negociación para propor un Acordo na AEAT, excluíndo a outros sindicatos integrantes da Mesa Xeral da AEAT, entre eles a CIG.

A Confederación Intersindical Galega lembra á Directora Xeral da AEAT que ten recoñecida a condición de sindicato máis representativo e que ese recoñecemento legal dá dereito a participar plenamente nos órganos de representación, neste caso, da AEAT. Advirte, pola contra, que a lexislación non faculta á Dirección da AEAT a elixir con que sindicatos ten que levar adiante as negociacións, obrigando a canalizar as conversas na mesa xeral de negociación, que precisamente para iso existe.

A CIG entende que a tentativa de negociar só cos sindicatos corporativos excluíndo ás organizacións sindicais máis representativas é unha manobra da Directora Xeral da AEAT para dividir á parte social. Mais non permitirá que se vulneren os dereitos dos traballadores e traballadoras galegas a participar da negociación colectiva baixo ningunha circunstancia.

A CIG exixe á Directora Xeral da AEAT que poña fin de inmediato a esta tentativa ilegal de negociación, reservándose emprender cantas accións legais considere para garantir o dereito á negociación colectiva. Lémbralle, ademais, que por unha xogada similar está admitida a trámite a denuncia contra o Acordo Salarial que o goberno negociou á marxe da mesa de negociación con UGT, COO e CSIF.

A CIG cuestiona que, con esta convocatoria ilegal, a Directora Xeral da AEAT está a vulnerar a normativa de negociación colectiva, ao marxinar á Mesa de Negociación legalmente constituída, e violar o principio da boa fe negocial ao excluír parte da mesa das conversas. Ademais, a Intersindical Galega considera que a Directora da AEAT está a desprezar ao persoal da AEAT, intentando impor acordos por detrás das súas representantes lexítimas e, ademais, pretende quebrar a unidade sindical nun momento de mobilizacións e reivindicacións activas precisamente a consecuencia da súa negativa a adoptar medidas para reverter a perda de poder adquisitivo do persoal ao servizo da AEAT e a actualizar e aplicar o Acordo de Carreira.

Por canto antecede, ademais de exixir a paralización inmediata desta negociación ilegal, sobre a que unicamente UGT deu algunha información, a CIG exixe á Directora Xeral da AEAT que convoque a Mesa Xeral para dar explicacións por esta grave violación da boa fe negociadora, dar a mesma información ás organizacións sindicais máis representativas ás que marxina e priva dos datos e propostas facilitadas aos sindicatos cos que se sinte ela máis cómoda e a asumir as responsabilidades por este feito.

A CIG presentou xa por rexistro un escrito dirixido á Directora Xeral da AEAT trasladando formalmente todas estas cuestións e exixindo o cesamento inmediato desta actuación ilegal.