A CIG esixe 3 días de teletraballo na AEAT ante a crise enerxética
A escalada do conflito internacional nas últimas semanas está a provocar unha nova crise enerxética, cun impacto directo no custo dos combustibles e, polo tanto, nos desprazamentos diarios do persoal. Pero, ademais, esta situación pon de relevo a necesidade de avanzar cara a modelos de traballo que tamén contribúan á redución de emisións e á diminución do impacto ambiental, algo perfectamente compatible coa organización do traballo na AEAT.
Neste contexto, resulta difícil de xustificar que a AEAT continúe sen adoptar medidas reais para reducir esa dependencia, obrigando a milleiros de traballadores e traballadoras a asumir uns custos e uns riscos que poderían evitarse en boa medida.
Neste contexto, resulta difícil de xustificar que a AEAT continúe sen adoptar medidas reais para reducir esa dependencia, obrigando a milleiros de traballadores e traballadoras a asumir uns custos e uns riscos que poderían evitarse en boa medida.
Non partimos de cero. O teletraballo xa demostrou sobradamente que funciona: garante o servizo público, non reduce a produtividade e mellora as condicións laborais. Ademais, a propia normativa e as recomendacións actuais apuntan claramente a reducir desprazamentos e apostar por modelos organizativos máis eficientes.
Por iso, desde a CIG-AEAT vimos de solicitar formalmente a implantación dun mínimo de 3 días semanais de teletraballo en todos aqueles postos nos que sexa posible. Falamos dunha medida de sentido común, que permite reducir consumo enerxético, evitar riscos innecesarios, diminuír emisións contaminantes e mellorar a conciliación sen prexudicar o funcionamento da Administración.
O que non ten sentido é manter un modelo ríxido e presencialista cando existen alternativas contrastadas. A inacción, neste momento, non é unha opción razoable.
Desde a CIG non imos quedar de brazos cruzados. Se a Administración non reacciona, adoptaremos as medidas necesarias para defender os dereitos do persoal.