A CIG ESIXE Á AXENCIA QUE NEGOCIE XA OS SERVIZOS MÍNIMOS PARA A FOLGA XERAL DO 11 DE NOVEMBRO

Martes, 20 Out 2026
A CIG convocou folga xeral na Galiza para o 11 de novembro de 2026, de 00:00 a 24:00 horas, que afecta tamén ao persoal funcionario e laboral do sector público, incluída a Axencia Tributaria. A convocatoria foi comunicada o 13 de outubro coa antelación legal e ás autoridades correspondentes.

 

Por que paramos

Porque nos obrigan a pagar a crise. En setembro o IPC galego subiu un 4,9 % interanual, a enerxía arrasa as facturas, os alugueiros non deixan de subir e os salarios non chegan a final de mes. A CIG esixe da Xunta e do Goberno español un Plan de Choque baseado en “Queremos vivir dignamente”, con medidas como:

  • Unha suba do SMI a 1.374,74 euros e cláusulas de revisión salarial conforme ao IPC.
  • Freo ao aumento do gasto militar e á suba dos prezos, con prezos máximos nos alugueiros e nos produtos básico
  • Unha tarifa eléctrica galega e máis servizos públicos de mobilidade.
  • Prohibición dos desafiuzamentos e un parque público de vivenda.
     

Que fixemos hoxe

Na CIG demandamos ao Departamento de Recursos Humanos da AEAT, a Dirección Xeral e a Delegación Especial en Galiza que se negocien os servizos mínimos:

  1. Esixímoslles que negocien e comuniquen canto antes os servizos mínimos do 11 de novembro, mediante unha resolución motivada, como esixe a lei e a doutrina do Tribunal Constitucional.
  2. Marcámoslles un prazo: a resolución debe estar notificada a máis tardar o 30 de outubro, e a designación nominal das persoas afectadas antes do 5 de novembro.
  3. Pedimos que non se esixa ao persoal comunicar previamente se vai ou non facer folga, porque a normativa non o prevé.

Por que isto importa

A folga é un dereito fundamental (art. 28.2 da Constitución). Os servizos mínimos limítano, polo que teñen que ser os estritamente imprescindibles, estar motivados e, sobre todo, coñecerse a tempo. Quen traballa na Axencia ten dereito a saber con antelación se o seu posto está afectado, e non unha ou dúas xornadas antes. Calquera abuso ou improvisación será impugnado, tamén polas vías xudiciais de protección de dereitos fundamentais.

Seguiremos informando en canto a Axencia responda. Se tes dúbidas ou queres saber como te afecta, contacta coa CIG.

 

A loita é o único camiño!