
A CIG esixe medidas eficaces para protexer as inspectoras e inspectores de pesca marítima

A CIG concentrarase este venres 15 de marzo ás 11 h ante a Delegación do Goberno na Coruña para esixir o recoñecemento profesional das inspectoras e inspectores de pesca para a mellora das súas condicións laborais e retributivas, e de medidas eficaces para a protección da súa saúde e da súa vida.
Os compañeiros e compañeiras da inspección pesqueira realizan as súas funcións por terra, mar e aire, expostos a accidentes de graves consecuencias, así como a agresións físicas e psíquicas. É imprescindible que a formación específica para abordaxes e en estándares de capacitación, certificación e vixilancia para a tripulacion chegue ó cen por cen do colectivo.
A Administración impuxo unilateralmente unha nova Instrución de Horarios, implementando a figura da Situación de especial dispoñibilidade –SEDE– deste colectivo, retribuíndoa de xeito irregular mediante produtividades, no canto de recoñecer a dispoñibilidade intrínseca do seu traballo e retribuílo axeitadamente: a especificidade profesional dos inspectores e das inspectoras de pesca marítima debe retribuirse mediante o complemento específico!