A CIG leva ao Parlamento a esixencia dunha cláusula de garantía salarial para o persoal público
Despois de presentar unha Proposición non de Lei avalada por máis de 5.500 sinaturas de persoal empregado público do noso país, solicitando o establecemento dunha Cláusula de Garantía Salarial, a CIG Administración Pública solicitou reunirse con tódolos grupos parlamentares representados no Parlamento de Galiza, iniciando esta rolda de reunións con representantes do Bloque Nacionalista Galego.
O obxectivo da reunión foi presentar a proposta e solicitar o aval do BNG para que a defenda na correspondente sesión plenaria. No marco do diálogo entre ambas organizacións, trasladouse unha predisposición favorable para apoiar esta iniciativa. Seguimos agardando resposta do resto de grupos políticos á nosa solicitude de reunión para coñecer o seu posicionamento frónte a nosa proposta.
A reunión tamén serviu para poñer en común a grave problemática da carestía da vida e a perda de poder adquisitivo acumulada polo persoal empregado público, que supera xa o 20 % nos últimos 15 anos, mesmo tendo en conta as subas salariais derivadas dos distintos acordos estatais. Estes acordos, de maneira sistemática, situaron as subas por debaixo do IPC durante os seus respectivos períodos de aplicación. O establecemento dunha Cláusula de Garantía Salarial permitiría por fin ao empobrecemento sistemático dos salarios do persoal a servizo das administracións públicas, que continúa ano tras ano a perder poder adquisitivo.
A CIG-Administración denunciou ante a Audiencia Nacional o último acordo salarial, tanto pola vulneración do dereito á negociación colectiva como porque continúa afondando na perda de poder adquisitivo do persoal empregado público. No ano 2025, esta perda volveu incrementarse nun 0,4 % (suba salarial do 2,5 % fronte a un IPC do 2,9 %).
A CIG-Administración non vai renunciar ao recoñecemento dunha cláusula de garantía salarial na Administración pública e cuestiona a sinatura dos acordos retributivos subscritos polas centrais sindicais estatais CSIF, CCOO e UXT, asinados á marxe da Mesa Xeral do Persoal Empregado Público e que continúan empeorando as nosas condicións laborais, e que demostra a renuncia total a defensa dunha cláusula de garantía salarial nas Administracións Públicas.