A CIG oponse á privatización da escola infantil da Delegación de Facenda na Coruña

Martes, 24 Mar 2026
Confederación Intersindical Galega amosa o seu rexeitamento á privatización da escola infantil da Delegación de Facenda na Coruña. A Delegación do Ministerio está a iniciar os trámites para entregarlla á empresa privada debido á xestión de persoal que o Ministerio de Facenda está a facer- que está a resultar nun deterioro consentido do servizo

Desde a CIG defendemos os postos de traballo públicos da escola infantil. Defendemos a permanencia da escola infantil para servizo das crianzas do persoal da Delegación da AEAT, do Ministerio e do restante persoal ao servizo da Administración Xeral do Estado na Coruña

Estamos a falar dun servizo público fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar. Por este motivo, na CIG consideramos fundamental defender a continuidade desta escola infantil como servizo público, non só polas familias usuarias na actualidade, senón tamén como un dereito do conxunto do persoal

Do mesmo xeito, defendemos o seu carácter público e a prestación directa do servizo como garantía de calidade e de atención. Na CIG dubidamos que unha empresa privada poida garantir a calidade da atención ás crianzas en parámetros similares á xestión e supervisión directa do servizo por parte da propia Administración Pública. E, dende logo, rexeitamos que sexa sinónimo de emprego de calidade para o persoal docente e coidador

Para a CIG, resulta contraditoria a retórica que fai o goberno español sobre a calidade, menor custo e rendibilidade social dos servizos públicos e a súa prestación directa con esta nova tentativa de privatización. Temos claro que a lóxica de calquera empresa é xerar beneficio, pero que a lóxica dos servizos públicos é outra: prestacións, benestar, utilidade social. Entendemos que a defensa dos servizos públicos tamén é a defensa dos nosos dereitos individuais e colectivos como persoal ao servizo da Administración

defensa dos servizos públicos de calidade é parte do ADN da CIG, e a defensa da escola infantil da Delegación é unha das bandeiras históricas da Confederación Intersindical Galega desde que ten presenza na AEAT. No seu momento buscamos unha alternativa ao peche por falta de matrícula e seguimos a defender a necesidade dun servizo deste tipo nos centros de traballo e a súa prestación directa pola Administración como garantía de calidade e proximidade, entendendo que hai diversas vías para garantir esta prestación directa pola Administración

Neste sentido, desde a CIG non escatimaremos os esforzos que estean na nosa man en defensa dun servizo público de calidade e do persoal público que a diario o atende. Hai algo máis dun ano trasladamos xa o temor ao peche da escola infantil á Xunta de Persoal e nas pasadas semanas mantivemos xuntanzas co Delegado Especial da AEAT e mais a Delegada do Ministerio para defender a prestación directa do servizo, da man do persoal da escola infantil e as nais e país

O público é servizo, o privado beneficio. Defender os servizos públicos é defender os nosos dereitos como persoal público. A loita é o único camiño!