A CIG PRESENTA ANTE A DIRECCIÓN XERAL UN INFORME DE AVALIACIÓN DA IMPLANTACIÓN DA LEI DE EFICIENCIA
Pasado case un ano dende a entrada en funcionamento dos Tribunais de Instancia nas vilas da Fase I de implantación e seis meses dende que o fixeron nas sete grandes cidades galegas, é hora de facer unha análise pormenorizada da situación que nos permita ter unha visión real do que está a acontecer para poder facer as propostas axeitadas de cara a solucionar a caótica situación que se está a vivir dende esas datas na Administración de Xustiza en Galiza.
Por esa razón a CIG ven de presentar ante a Dirección Xeral un informe de avaliación da implantación da Lei Orgánica 1/25 de medidas en materia de eficiencia do servizo público de Xustiza con corenta problemáticas que dificultan o normal desenvolvemento do traballo do funcionariado nestes momentos. Dende logo non son todas as que se producen pero consideramos que dan unha idea da desorganización e ineficacia que caracteriza a Administración de Xustiza en Galiza actualmente. Pero ademais propoñemos corenta medidas correctoras que se deben implementar o máis axiña posible para evitar que a situación desencadene nun colapso total.
Trátase dun documento aberto que pretende darlle voz ao funcionariado e provocar entre todas un cambio na liña que está a seguir a Dirección Xeral
Estas propostas son a base das nosas reivindicacións e a fundamentación da necesidade de negociar xa a modificación das rpts.