A CIG RECLAMA PERSOAL DOS CORPOS XERAIS NOS TRIBUNAIS DE INSTANCIA QUE RECIBIRÁN NOVOS XUÍCES E XUÍZAS
A CIG-Xustiza reclamamos mediante un escrito á Administración que a incorporación de oito xuíces e xuízas de reforzo nos Tribunais de Instancia de Carballo, Ordes, Ribeira, Sarria, Cambados, Cangas do Morrazo, Ponteareas e Vilagarcía de Arousa vaia acompañada do correspondente reforzo de persoal dos corpos xerais.
Tivemos coñecemento de que, desde mañá e até o vindeiro 30 de novembro, estes oito órganos xudiciais contarán con persoal da xudicatura de reforzo para facer fronte á elevada carga de traballo e aos altos niveis de pendencia que rexistran.
A situación de colapso que padecen estes tribunais non se debe unicamente á acumulación de resolucións pendentes de ditar por parte dos xuíces e xuízas. Levamos moito tempo denunciando que o verdadeiro problema é a insuficiencia de persoal e de medios para tramitar os asuntos que se resolven.
Neste sentido, consideramos que a chegada de máis xuíces e xuízas sen un incremento paralelo do cadro de persoal dos corpos xerais pode agravar aínda máis a situación. Lembramos que o persoal actual xa se atopa sometido a unha forte sobrecarga de traballo e resultaría inconcebible que tivese que asumir ademais a tramitación derivada das novas resolucións que emitan as persoas designadas para o reforzo xudicial.
Por este motivo, a CIG-Xustiza solicitamos formalmente o nomeamento de persoal dos corpos xerais dos Tribunais de Instancia de Carballo, Ordes, Ribeira, Sarria, Cambados, Cangas do Morrazo, Ponteareas e Vilagarcía de Arousa, entendendo que só un reforzo integral do persoal permitirá reducir de maneira efectiva a pendencia e mellorar o funcionamento de estos Tribunais.