A CIG reclama unha interpretación xusta do traballo a distancia e denuncia criterios restritivos.
A CIG vén de presentar un escrito ante a Dirección Xeral do Organismo solicitando a revisión do criterio que se está aplicando nunha provincia galega para autorizar o acceso ao traballo a distancia.
Nos últimos meses tivemos coñecemento de varios casos nos que se lles está a denegar esta modalidade de prestación de servizos a traballadoras e traballadores que levan máis dun ano ocupando o seu posto de traballo, ao descontárselles do cómputo determinados períodos nos que permaneceron en situación de servizo activo, como poden ser os permisos por nacemento e coidado de menor, así como outras situacións legalmente recoñecidas.
Desde a CIG consideramos que esta interpretación resulta excesivamente restritiva e contradí o espírito da propia instrución que regula o traballo a distancia. O obxectivo dese requisito non debería ser outro que garantir que a persoa coñece o seu posto e dispón da experiencia necesaria para desempeñalo tamén nesta modalidade. E iso é algo que queda plenamente acreditado en moitos dos casos afectados, nos que as persoas solicitantes:
- Levan máis dun ano ocupando o mesmo posto.
- Coñecen perfectamente as funcións que desempeñan.
- Contan con informes favorables das súas xefaturas directas.
- Dispoñen da formación e competencias necesarias para traballar a distancia.
Cómpre lembrar que a propia instrución permite autorizar o traballo a distancia mesmo a persoas con menos dun ano de antigüidade no desempeño das funcións, sempre que exista informe favorable da persoa responsable. Por iso, resulta difícil de entender que se denegue a quen supera amplamente ese período polo simple feito de ter exercido dereitos relacionados coa conciliación ou de atoparse noutras situacións compatibles co servizo activo.
Entendemos que o exercicio de dereitos recoñecidos ao persoal non pode converterse nun prexuízo á hora de acceder ao traballo a distancia. A conciliación da vida persoal e familiar, así como os dereitos de representación sindical, deben ser respectados e protexidos, non utilizados para limitar oportunidades ás persoas que os exercen.
Ademais, temos constancia de que noutras provincias e tamén nos Servizos Centrais se están autorizando solicitudes en situacións similares, o que evidencia a existencia de criterios distintos dentro do mesmo Organismo. Esta situación provoca unha clara sensación de desigualdade e agravio comparativo entre traballadoras e traballadores que, atopándose en circunstancias moi semellantes, reciben respostas diferentes en función do territorio onde prestan servizo.
Por todo isto, a CIG solicitou:
- A revisión do criterio actualmente aplicado.
- Que se considere cumprido o requisito cando a persoa leve máis dun ano ocupando o posto, independentemente de ter desfrutado durante ese tempo de permisos ou situacións compatibles co servizo activo.
- Que as solicitudes se valoren tendo en conta a experiencia real, a formación e os informes das xefaturas directas.
- Que se garanta unha aplicación homoxénea da normativa en todo o Organismo.
Contacta coa CIG se te atopas nesta situación
Se solicitaches o traballo a distancia e che foi denegado por non computar períodos de permiso por nacemento e coidado de menor, conciliación ou outras situacións compatibles co servizo activo, ou se consideras que estás a sufrir unha aplicación restritiva ou diferente da normativa respecto doutras unidades, ponte en contacto coa CIG.
Estamos a recompilar información e casos concretos para defender os dereitos do cadro de persoal e reclamar unha aplicación igualitaria e coherente da normativa para todas as persoas traballadoras. A túa experiencia pode ser importante para corrixir esta situación.
CIG: defendendo os dereitos da clase traballadora, tamén no acceso ao traballo a distancia.