A CIG recorre o recurte á promoción interna nas convocatorias dos procesos selectivos para a AEAT

Venres, 09 Xan 2026
Confederación Intersindical Galega (CIG) ven de recorrer as convocatorias publicadas no BOE o pasado 31 de decembro de 2025, correspondentes á Oferta de Emprego Público 2025, do Corpo Superior de Inspectores de Facenda do Estado, Corpo Superior de Vixilancia Aduaneira, Corpo Técnico de Facenda e Corpo Executivo do Servizo de Vixilancia Aduaneira

En todas elas, a Dirección da AEAT vulnera por varios motivos o dereito do persoal da  Axencia Estatal de Administración Tributaria á promoción interna e á carreira profesional


Modificación unilateral da conservación das cualificacións de exercicios superados

As resolucións de convocatoria modifican de xeito unilateral o réxime de exención de probas superadas nos dous procesos selectivos anteriores, establecido no Acordo de Carreira Profesional e Administrativa da AEAT (apartado III.3)

Segundo o texto destas convocatorias- contrario ao Acordo de Carreira-, a conservación das cualificacións queda supeditada a aprobar cada ano algún exercicio, o que supón un retroceso dos dereitos do persoal e unha perda de seguridade xurídica
 

Non convocatoria das prazas vacantes

Centos de prazas de promoción interna non foron convocadas nas resolucións recentes, a pesar de quedar sen cubrir en procesos selectivos anteriores. Ademais da vulneración de diversos preceptos legais, isto supón a vulneración do dereito á promoción interna e limitación das oportunidades de carreira do persoal da AEAT

Se a isto sumamos o feito de que das prazas que finalmente se convocan unha porcentaxe significativa queda sen adxudicar (co caso do acontecido no último proceso de axentes do SVA aínda sen explicar!) fica clara a aposta da actual Dirección da AEAT por entorpecer a promoción interna do persoal
 

Falta de negociación colectiva real

A AEAT limitouse a celebrar un par de reunións informativas, presentando un documento pechado e sen opción a cambios, na semana previa ás festas do Nadal e pretextando, un ano máis, falta de tempo para poder abordar a axilización dos procesos de promoción interna e a adaptación cara probas menos memorísticas e máis axustadas ás tarefas que se desempeñan. Isto non é negociación, é imposición, e con isto vulnérase o dereito sindical á negociación colectiva (o dereito, en definitiva, do persoal da AEAT a participar no deseño, neste caso, dos procesos selectivos)
 

Recurso, denuncia ante Función Pública, loita

A CIG reitera o seu compromiso coa defensa dos dereitos do persoal da AEAT e coa garantía de que ningún dereito pactado ou legal se vexa vulnerado. Neste sentido, adoptaremos todas as medidas necesarias, administrativas ou xurídicas, para que as promocións internas se realicen de forma xusta, transparente e conforme á lei

Por iso, temos presentado ademais un  escrito ante a Secretaría de Estado de Función Pública solicitando que insten á AEAT a explicar a non convocatoria das prazas vacantes, se lle obrigue a acumular e convocar esas prazas, garantindo que se inclúan nunha convocatoria conforme á normativa e se garanta unha efectiva negociación de boa fe

A CIG ten clara a prioridade: protexer o dereito do persoal á promoción interna, garantir igualdade de oportunidades e impedir que a AEAT limite ilegalmente a carreira profesional do persoal. A CIG lamenta este novo golpe da Dirección da AEAT contra o persoal da Axencia e contra a súa carreira profesional

Queda claro, máis unha vez nos últimos meses, que con esa actitude da Dirección da AEAT a loita é o único camiño