A CIG vota NON ao acordo de indemnizacions por residencia, que se limita a equiparar as Illes Balears con Canarias
A Mesa Xeral de Negociación da Administración Xeral do Estado aprobou hoxe 6 de xuño o acordo sobre o incremento das indemnizacións por residencia nas Illes Balears. A CIG votou en contra, non porque estea en contra dunha mellora retributiva para o persoal destinado neste territorio, senón porque considera que o acordo é claramente insuficiente, incumpre o espírito do compromiso adquirido polo Goberno e consolida un modelo de negociación baseado nos feitos consumados.
O propio texto do acordo lembra que o Acordo Marco para a mellora do emprego público e o servizo á cidadanía (2025-2028), asinado polo Goberno con CCOO, UGT e CSIF, é co voto en contra de CIG e ELA, establecía expresamente:
"Asimismo, se revisarán al alza en 2026 las indemnizaciones por razón de servicio, incorporando criterios de igualdad entre empleadas y empleados públicos, y los complementos de residencia e insularidad."
O compromiso era revisar durante 2026 as indemnizacións por razón de servizo e os complementos de residencia e insularidade. Transcorrida xa boa parte do ano, o único que presenta o Goberno é unha modificación limitada ás Illes Balears, mentres a reforma integral continúa sen iniciarse.
● Un acordo que recoñece expresamente que non cumpre o compromiso
O aspecto máis significativo é que o propio acordo admite que non dá cumprimento ao compromiso adquirido.
No seu apartado segundo afírmase expresamente que:
"...la firma del presente Acuerdo implica más que un primer paso en esa dirección, ni suponga dar por cumplido el citado compromiso..."
É dicir, son a propia Administración e os sindicatos asinantes quen recoñecen que este acordo non cumpre o compromiso recollido no Acordo Marco.
Resulta demagóxico presentar como un éxito aquilo que os propios asinantes admiten que apenas constitúe un primeiro paso.
● A negociación volve quedar adiada
Nel establécese que a negociación da revisión xeral das indemnizacións realizarase no último cuadrimestre de 2026, coa previsión de aprobar as modificacións no primeiro trimestre de 2027. É dicir, un compromiso asumido para 2026 xa queda diferido ao ano seguinte.
● Nin sequera a equiparación de Baleares queda resolta
O apartado terceiro do acordo tamén evidencia que esta negociación queda aberta.
A Administración comprométese, previa negociación colectiva no prazo de seis meses, a tramitar novas modificacións normativas para completar a equiparación das indemnizacións nas Illes Balears, incluíndo os incrementos vinculados á antigüidade.
Se incluso esta cuestión require outra negociación posterior, queda demostrado que o acordo aprobado hoxe non resolve definitivamente nin sequera o ámbito ao que se limita.
A CIG tamén denunciou durante a negociación a contradición existente entre a urxencia coa que a Administración convocou esta Mesa Xeral e o contido do propio Real Decreto-lei 19/2026. A disposición adicional única establece que o Goberno dispón dun prazo de seis meses para revisar estas indemnizacións e aprobar a súa modificación previa negociación colectiva.
Con todo, a Administración resolveu todo o proceso en apenas tres días, cunha proposta practicamente pechada e sen unha negociación real sobre o fondo do asunto.
Gustaríanos que esa mesma rapidez se aplicase aos numerosos compromisos que Función Pública leva anos adiando.
● A negociación non pode ser un mero trámite
Durante toda esta negociación, a CIG denunciou que a Administración chegou coa decisión practicamente tomada.
Unha vez máis, as mesas de negociación utilízanse para validar decisións previamente adoptadas, reducindo a participación sindical a unha simple formalidade.
Ese non é o modelo de negociación colectiva que defende a CIG.
CCOO, UGT e CSIF tentan maquillar a realidade para ocultar un novo incumprimento do Acordo Marco que asinaron. Pero o propio acordo desmonta o seu relato ao admitir que esta medida "non supón dar por cumprido" o compromiso adquirido. Unha vez máis, os feitos deixan en evidencia a propaganda dos sindicatos asinantes e a súa complicidade cunha Administración que anuncia moito, negocia pouco e incumpre unha vez máis o pactado.
A posición da CIG
A CIG seguirá defendendo:
● unha reforma integral das indemnizacións por razón de servizo;
● a actualización dos complementos de residencia e insularidade en todos os territorios afectados;
● unha revisión baseada no custo real da vida e non na simple equiparación entre territorios;
● unha cláusula de actualización automática que evite novas perdas de poder adquisitivo;
● a incorporación do Grupo B;
● a revisión dos incrementos vinculados á antigüidade e do conxunto do marco normativo.
A CIG non votou contra unha mellora para o persoal das Illes Balears.
A CIG votou contra un acordo parcial, insuficiente e que a propia Administración recoñece que non cumpre o compromiso adquirido, mentres a verdadeira reforma das indemnizacións continúa, unha vez máis, adiada.