A CIG-XUSTIZA REXEITA A CONCENTRACIÓN DAS REUNIÓNS DO CSS E DA MESA SECTORIAL NUNHA ÚNICA MAÑÁ E ESIXE AMPLIAR AS ORDES DO DÍA

Xoves, 05 Nov 2026

A Dirección Xeral de Xustiza debe rectificar unhas convocatorias que impiden abordar con tempo suficiente os asuntos pendentes e que non respectan a boa fe negociadora.

Tras recibir onte pola tarde as convocatorias do Comité de Seguridade e Saúde (CSS) e da Mesa Sectorial de Xustiza (MSX), desde a CIG-Xustiza queremos manifestar o noso absoluto rexeitamento á fórmula escollida pola Dirección Xeral de Xustiza para a celebración destas reunións.

Non é de recibo que, despois de cinco meses sen convocar estes órganos de negociación e participación, a Administración pretenda concentrar nunha única mañá ambas reunións, cunha limitación de tempo que dificulta claramente o tratamento en profundidade dos asuntos pendentes.

Ademais, a CIG solicitou previamente a inclusión de diversos puntos nas ordes do día que, incomprensiblemente, non foron incorporados. Entre eles, cuestións de especial relevancia para o persoal da Administración de Xustiza, como:

  • Teletraballo.
  • Horario e prolongacións de xornada.
  • RPT: funcións e equipos de traballo.
  • Gardas de 24 horas nos partidos xudiciais da Coruña e Vigo.
  • Estudos psicosociais.
  • Simulacros e plans de emerxencia.
  • E outros asuntos que permanecen pendentes de abordar.

Consideramos que esta maneira de proceder está moi lonxe da boa fe negociadora que debe presidir as relacións entre a Administración e as organizacións sindicais. A negociación non pode converterse nun mero trámite formal nin nunha sucesión de reunións apresuradas nas que resulte imposible analizar, debater e buscar solucións aos problemas reais do persoal.

Por todo isto, desde a CIG-Xustiza instamos á Dirección Xeral de Xustiza a rectificar de inmediato e a:

  1. Ampliar as ordes do día do Comité de Seguridade e Saúde e da Mesa Sectorial, incorporando todos os puntos solicitados previamente pola CIG.
  2. Establecer días diferentes para a celebración de ambas as reunións, garantindo o tempo necesario para abordar todos os asuntos con rigor e posibilitar unha negociación real e efectiva.

A CIG-Xustiza non vai aceptar unha negociación de trámite nin que se despachen en poucas horas asuntos que levan meses agardando resposta.