A Dirección da AEAT impón o teletraballo de forma unilateral: dous días e nin un máis
O pasado 30 de xuño, a Directora Xeral da AEAT, Soledad Fernández Doctor, asinou a Instrución 6/2026 sobre traballo a distancia, que entrará en vigor o 1 de outubro de 2026. Fíxoo de forma unilateral, sen acordo coas organizacións sindicais e no medio dun proceso de negociación aberto na Mesa Xeral.
O propio documento afirma na súa exposición de motivos que se ditan estas instrucións "previa negociación con las organizaciones sindicales". É falso. Non houbo acordo. Non houbo consenso. Houbo negociación, si, pero precisamente porque non se chegou a ningún acordo é polo que a CIG e outras organizacións sindicais seguiamos na mesa. A Dirección da AEAT decidiu cortar pola cana e impor o que non foi quen de negociar.
Isto non é negociación colectiva. É imposición.
O propio documento afirma na súa exposición de motivos que se ditan estas instrucións "previa negociación con las organizaciones sindicales". É falso. Non houbo acordo. Non houbo consenso. Houbo negociación, si, pero precisamente porque non se chegou a ningún acordo é polo que a CIG e outras organizacións sindicais seguiamos na mesa. A Dirección da AEAT decidiu cortar pola cana e impor o que non foi quen de negociar.
Isto non é negociación colectiva. É imposición.
E AGORA A DIRECTORA MARCHA
Hai algo especialmente significativo no momento en que se produce esta imposición: Soledad Fernández Doctor acaba de anunciar a súa saída, confirmada por fontes gobernamentais e avanzada polos diarios informativos. O Goberno asegura que a petición de relevo se produciu hai meses e que se decidiu adiar ata o final da campaña da renda. O certo é que a Directora Xeral asinou esta instrución o mesmo día en que remataba a campaña, o 30 de xuño, e a súa saída é inminente.
Dito doutro xeito: a persoa que impuxo unilateralmente estas condicións de teletraballo ao persoal da AEAT xa non vai ter que responder por elas. Asina, marcha, e deixa ao seu sucesor ou sucesora coa pataca quente. O persoal da AEAT, pola súa banda, queda atado a unha instrución imposta nos seus últimos días de mandato, sen negociación e sen posibilidade de recurso interno inmediato.
Desde a CIG consideramos que a nova Dirección da AEAT debe asumir como primeira tarefa reabrir a negociación do teletraballo ata chegar a un acordo real coas organizacións sindicais.
QUE DI A INSTRUCIÓN 6/2026: RESUMO PARA O PERSOAL
- Días de teletraballo: dous, non máis. O réxime xeral queda fixado en dous días de traballo a distancia por semana (luns-xoves ou martes-venres). Tres días presenciais obrigatorios. Os xefes de Delegación e Departamento poderán establecer quendas rotatorias entre ambas opcións con carácter semestral.
- Organización dos días: nas mans dos xefes. A distribución concreta dos días poderá ser modificada polos responsables con tan só 24 horas de antelación por "necesidades del servicio". Sen definición obxectiva dese concepto. Sen garantías para o persoal.
- Compensacións horarias: encadeadas á modalidade. Os excesos e déficits horarios só poderán compensarse na mesma modalidade en que se produciron. Isto limita a flexibilidade real do persoal e pode prexudicar especialmente a quen teletraballa.
- Permisos e licenzas: condicionados. Se o uso dun permiso ou licenza altera a proporcionalidade de presencialidade e afecta ás "necesidades del servicio", poderase denegar. Un permiso legal podería ser denegado polo simple feito de que cae en día de teletraballo.
- Vixilancia e control. Esíxese fichaxe virtual ao inicio e fin de xornada en teletraballo. O seguimento realizarase con ferramentas corporativas (entre elas o SEGA-3, cuxa análise a CIG xa advertiu que presenta problemas de protección de datos, e non reflexa o traballo do persoal). Só computarán como tempo efectivo as horas realizadas entre as 7:00 e as 18:00 (luns a xoves) e entre as 7:00 e as 15:30 (venres).
- Acceso ao teletraballo. Persoal de novo ingreso: deberá agardar tres meses. Persoal de promoción interna ou traslado con cambio de área: un mes.
- Entrada en vigor: 1 de outubro de 2026. Derroga a Instrución conxunta de 5 de outubro de 2022.
A POSICIÓN DA CIG: ISTO NON É ACEPTABLE
Desde a CIG levamos anos reclamando un acordo de teletraballo xusto para o persoal da AEAT. A nosa posición non cambia:
- Esiximos tres días de teletraballo, en igualdade co resto da Administración Xeral do Estado. As Delegacións do Goberno xa teñen tres días desde setembro de 2025. Non existe ningún argumento xurídico nin organizativo que xustifique que o persoal da AEAT teña menos dereitos que o resto do persoal do Estado.
- Esiximos á nova Dirección que reabra a negociación de boa fe. Non pode ser que o primeiro legado da Directora saínte sexa unha imposición unilateral que condiciona as condicións de traballo de miles de persoas sen o seu acordo.
- Rexeitamos a imposición unilateral. Que o documento afirme que se ditou "previa negociación" cando as organizacións sindicais seguiamos sentadas na mesa sen acordo é, sinxelamente, unha falsidade que non podemos deixar pasar.
- Alertamos sobre o sistema de control. O uso de ferramentas como o SEGA-3 para o seguimento do traballo a distancia, sen protocolo de privacidade negociado, é unha ameaza real aos dereitos dixitais do persoal. Temos información de que nalgúns departamentos estes datos xa se están usando para condicionar o reparto da produtividade.
- Denunciamos a posibilidade de denegar permisos legais por razón de proporcionalidade de presencialidade. É xuridicamente cuestionable e prexudica especialmente ás persoas con responsabilidades de conciliación.
- Advertimos sobre os equipos. O portátil corporativo non cumpre os requisitos mínimos de ergonomía visual.
A loita é o único camiño!