A Dirección da AEAT pretende botar da Axencia a parte do persoal que aprobou a promoción interna ao A2 do Estado

Venres, 19 Dec 2025
Sen vir a conto para nada nin ser cuestión a tratar na Mesa Xeral celebrada hoxe para seguir discutindo o borrador de acordo sobre as revisións médicas obrigatorias no SVA- onde só se acordou constituír un grupo de traballo para redactar un texto mellor que o que propón a AEAT- a Directora de Recursos Humanos incorporouse nos últimos minutos da xuntanza para soltar a bomba: a Dirección da AEAT pretende botar da Axencia a parte do persoal que aprobou a promoción interna ao A2 do Estado

Segundo ela, viña de comunicar a Función Pública que en diante a AEAT non incorporará novo persoal de acceso por quenda libre do subgrupo A2 interministerial e que, do persoal que ven de aprobar o proceso de promoción interna xa destinado na AEAT só asumirá un 75%. Asegurou, ademais, que reservar praza a todo o persoal que promocionara ao A2 de corpos xerais estaba a impedir a “outros corpos” chegar aos destinos que desexaban

A Dirección da AEAT asegura que os efectivos deste corpo duplicáronse desde a pandemia- pasando dos 169 daquela a case 400 actualmente- e que non hai tarefas transversais que lles encomendar aos que agora se incorporarán. A Directora de Recursos Humanos di isto mentres usan como escusa a falta de persoal en Recursos Humanos para todo: retraso ou erros de vulto na tramitación dos paneis, nas remisións dos documentos de traballo nas mesas de negociación, na xestión ou o pagamento das axudas de acción social.... E sostén que non poden dedicarse a outras tarefas como se non houbese persoal do subgrupo A2 de corpos xerais en Recadación ou coma se o persoal que aproba un proceso de promoción interna- o que sexa- sufrira unha ablación cerebral e borrase todo rastro da experiencia de anos aplicando os tributos e os coñecementos a isto asociados

Segundo a Directora de Recursos Humanos, o “noso negocio” é a aplicación e comprobación dos tributos e non outras tarefas administrativas e que, polo tanto, das 126 persoas que aprobaron a promoción ao A2 de corpos xerais, agás 4 persoas que non solicitaron expresamente manter o seu destino na AEAT, as restantes optarán a tan só 95 postos na AEAT, polo que 27 irán destinadas fóra

E que estes 95 postos ofertaranse proximamente- o curso selectivo remata o vindeiro luns!- atendendo á existencia de necesidades organizativas territorializadas para atender a tarefas non vinculadas á aplicación do sistema tributario en primeiro lugar, en segundo lugar atendendo a que manifestaran a súa intención de manter destino na AEAT, en terceiro lugar a que xa estiveran a desempeñar tarefas transversais nos seus postos de C1 (isto é, penalizando a quen estiver en Xestión ou Recadación) e finalmente, de ser preciso, atendendo ao número obtido no proceso selectivo. Polo que hai, segundo a Directora de RRHH, 27 persoas que non teñen oco na AEAT -entre máis de 27 000!- cando poden facer traballo para Servizos Centrais a distancia desde calquera lugar

Pretendía soltar isto, desexar Boas Festas e saír da reunión como se nada, mais as organizacións sindicais forzamos unha rolda de intervencións sobre o tema. Na CIG cuestionamos que, logo de ter lanzado esta idea como globo sonda hai uns meses, non tivesen a honestidade de trasladar publicamente esta decisión para que o persoal que participa no proceso selectivo que remata puidese decidir informada, libre e soberanamente sopesando todos os condicionantes. Dito doutro xeito, que no minuto 85 do partido de fútbol non se pode decidir coller o balón no medio do campo coas mans....

Na CIG cuestionamos que a Dirección da AEAT tome esta decisión mentres impide ao persoal ter unha carreira profesional ao non aplicar o Acordo de Carreira. E dado que é a Dirección quen boicotea esta negociación constantemente desde hai anos, a alternativa que lle queda ao persoal para poder incrementar as súas retribucións e facer fronte ao incremento do custo da vida – porque o famoso 2,5% non abonda!- é a promoción interna. Pero para iso a Dirección da AEAT tamén levanta barreiras ao manter uns procesos de promoción interna aos corpos propios moi longos e duros, con cursos selectivos inasumíbeis para parte do persoal e nas cidades máis caras do estado español- en contra dos criterios acordados para a Administración Xeral do Estado. E a isto se suma o cuestionamento da reserva de provincia para quen promocione ao Corpo Técnico- tamén mudada no último momento de outro proceso selectivo

Desde a CIG vimos insistindo hai moito tempo á Dirección da AEAT- esta e as anteriores- que se é certo que o persoal da Axencia é a elite funcionarial do país pola súa constante actualización e cometidos, ten que retribuílo en sintonía. Porque a día de hoxe está mellor pagado o persoal de outros organismos da Administración Xeral do Estado, e que se non quere retribuír, cando menos que abra a porta a podermos concursar a outros organismos para poder mellorar as nosas condicións laborais e retributivas. Pero se negan. Ao que se ve, unha cousa é que te queiras ir voluntariamente e outra que te queiran tirar pola fiestra eles cando deciden que non fas falla porque vas cobrar demasiado...

A lealdade da CIG é en primeiro lugar coas traballadoras e traballadores da AEAT. Non entendemos que a Dirección da AEAT estea a pagar peaxe a determinadas organizacións coa vida e as condicións de traballo de outra parte do persoal. E advertimos que valoramos todas as vías para garantir que estas persoas poidan manter o seu destino na AEAT tras pasar o proceso selectivo

A loita é o único camiño!