
A Dirección da AEAT rebenta a negociación do teletraballo porque, 5 anos despois, aínda non ten unha proposta

O 21 de novembro de 2024 cinco organizacións sindicais, entre elas a CIG, asinamos coa Dirección da AEAT unha saída do conflito na que se asumía o compromiso de retomar a negociación de boa fe e con lealdade para actualizar o acordo de carreira, negociar a regulación do teletraballo e un novo convenio colectivo, reinstaurar a paz social na AEAT e declarar o SVA coma profesión de risco
Onte, dentro do calendario fixado a raíz desa saída do conflito e subscrito pola Directora do Departamento de RRHH en nome da AEAT e por SIAT, UGT, CSIF, CCOO e CIG pola parte social como organizacións declarantes do conflito, convocouse a “mesa de teletraballo” para retomar a negociación do teletraballo- suspendida en 2023 pola AEAT
Mais faltando aos compromisos subscritos de retomar a negociación de maneira leal e de boa fe, a Dirección da AEAT convocou a algunhas outras organizacións que non estaban nesa mesa negociadora e que, polo tanto, terían que ser convocadas cando tocase elevar os acordos adoptados na mesa de saída do conflito á mesa xeral. E non antes
Coa convocatoria de mesa xeral encuberta, ademais, a Dirección da AEAT vulnerou o dereito da CIG- que en definitiva son os dereitos das galegas e galegos que representamos como organización máis representativa do país conforme á lexislación, guste ou non aos responsábeis da AEAT- a participar na mesa xeral con todos os medios que pode ter (que non son os mesmos que nunha mesa ordinaria de negociación)
Tras dúas horas longas de discusión sobre a lexitimidade da presenza de máis organizacións na mesa derivada do acordo da fin de conflito que as asinantes e sobre os fallos de ter convocado unha xuntanza da mesa xeral sen indicalo, definir orde do día nin convocar a todos os seus membros- que viciaría de nulidade calquera convocatoria de calquera órgano colexiado de calquera Admón, cousa que a Dirección da AEAT parece non saber- a Directora do Departamento de RRHH acaba explicando o motivo do sainete: non teñen unha proposta sobre a regulación do teletraballo e querían “escoitarnos” a todos
Desde a CIG advertímoslles que non se convoca unha xuntanza para pasar uns datos nun power point. Que se pretenden que as reunións sexan proveitosas remitan antes a documentación para poder avanzar nas xuntanzas en base á documentación debidamente analizada- como acontece con calquera órgano colexiado de calquera administración. E, sobre todo, que non estamos no punto xa de “escoitar a ver que pensades”: levamos 5 anos debatindo en torno ao teletraballo e aínda o pasado verán cada organización das declarantes do conflito fixemos, a pedimento do mediador, un documento coas nosas propostas en cada un dos puntos do conflito declarado, teletraballo incluído
Que se ben a directora de RRHH leva uns meses no cargo, o órgano que ocupa é o mesmo, e ante el se presentou toda esa documentación e terá tamén todo o aportado na negociación da regulación do teletraballo de 2023 que paralizou sen motivo a súa Subdirección Xeral de Relacións Laborais (que esa segue a ter a mesma persoa titular). Co cal, as propostas concretas da CIG, como do resto, constan e tenas ao seu dispor para cando considere lelas e sabendo que defendemos poden orientar a súa proposta
Desde a CIG tamén lles advertimos que non é a responsabilidade nin obriga de ningunha organización sindical propoñer un borrador de acordo regulador do teletraballo, que non temos todos os datos e toda a información para facelo e tampouco é a nosa responsabilidade.
Que corresponde á Dirección da AEAT, se realmente ten vontade de avanzar e chegar a un acordo, ofrecer os datos e unha primeira proposta de acordo e remitila con antelación para poder traballar sobre eles e chegar a un acordo
E finalmente, denunciamos que mentres todo isto acontece segue a darse unha aplicación do teletraballo á carta e discrecional: directrices retirando a media hora de cortesía en teletraballo ou prohibindo coller un moscoso un día de teletraballo ou obrigando a compensalo, persoas dun mesmo grupo de xestión con distinto número de días de teletraballo en función de en que Administración estean, dependencias contiguas con réxime de aplicación de días e criterios diverxentes,... Unha auténtica feira
Nin sequera o máis pequeno, en medios e orzamento, dos concellos galegos funciona con este nivel de irresponsabilidade! Queda claro que a situación actual interesa aos responsábeis da AEAT e que, polo tanto, enredan co enésimo power point e coa centésima comisión para “escoitar que pensades” porque non queren regular isto
Diante de todas as críticas, a Directora de RRHH acabou por dicir que remitirá os datos do ditoso power point e máis unha proposta de acordo para traballar. O que non dixo é se será para cando pase carnaval...