A EGAP CONVOCA ACTIVIDADES DE FORMACIÓN CONTINUA EN MATERIA DE IGUALDADE

Mércores, 22 Abr 2026

Hoxe publicouse no DOG a RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2026 pola que se convocan as actividades de formación continua en materia de igualdade e violencia de xénero para o persoal ao servizo da Administración pública de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, da Administración institucional, así como do persoal da Administración de xustiza de Galiza e o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) das tres universidades públicas galegas.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e ata o 28 de abril de 2026.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a tres.

Consulta na ligazón a resolución completa publicada no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260422/AnuncioO150-090426-0002_gl.html