A produtividade na AEAT segue xerando enormes desigualdades: máis de 9.700 € para uns poucos mentres a maioría apenas supera os 3.000 €

Xoves, 12 Mar 2026
Na reunión celebrada hoxe da Comisión de Seguimento do PIA 2025, a Administración presentou os datos de execución do plan. Unha vez máis, comprobamos que a AEAT mantén un sistema de reparto profundamente arbitrario e desigual, no que a parte variable da produtividade segue favorecendo de maneira desproporcionada a determinados colectivos, mentres a gran maioría do persoal percibe cantidades moito menores.

Desde a CIG reiteramos o noso rexeitamento a este modelo, que continúa fomentando desigualdades salariais dentro da AEAT e que converte a produtividade nun instrumento de reparto discrecional de fondos públicos.

1. Reparto desigual da produtividade: un modelo inxusto e insostible
Os datos facilitados pola Administración reflicten novamente importantes diferenzas nos importes percibidos entre os distintos subgrupos:
  • Funcionarios A1:757,15 € de media.
  • Funcionarios A2:569,07 € de media.
  • Funcionarios C1:205,73 € de media.
  • Funcionarios C2:942,65 € de media.
  • Subgrupo E:601,98 € de media.
  • Persoal laboral: tamén afectado por este modelo, con diferenzas moi significativas entre categorías.
A media total da AEAT situouse en 4.449,33 €, cunha participación do 98,08 % do persoal.

Estas cifras evidencian novamente as enormes diferenzas existentes no reparto da produtividade dentro da AEAT. Mentres o subgrupo A1 supera amplamente os 9.700 euros anuais, unha parte moi importante do persoal apenas supera os 3.000 euros.

A discrecionalidade da AEAT na asignación do 25% da bolsa de produtividade variábel distorsiona completamente o obxectivo do PIA, converténdoo nun instrumento de favoritismo e agravios comparativos. Mentres os A1 reciben miles de euros adicionais, os traballadores de niveis inferiores vense obrigados a aceptar migallas. Non imos permitir que a AEAT siga utilizando a produtividade como unha ferramenta de discriminación interna.

2. Propostas da CIG para un PIA xusto e equitativo
Desde a CIG reiteramos a necesidade de introducir cambios profundos na estrutura do PIA para garantir un sistema máis xusto, transparente e equilibrado.

Entre outras medidas, defendemos:
Aumento da parte garantida: a discrecionalidade da parte variable debe reducirse de forma significativa para asegurar un reparto máis proporcional entre todo o persoal.
Tope na parte discrecional: é necesario estabelecer límites claros á parte variable para evitar que determinados subgrupos concentren unha parte desproporcionada dos fondos do PIA.
Transparencia total: esiximos que se faciliten os listados completos cos importes percibidos, así como información detallada sobre a distribución da produtividade por delegacións, áreas e colectivos.
Flexibilidade no incremento horario: debe permitirse a realización das horas adicionais en modalidade de teletraballo para evitar que determinadas situacións persoais ou de conciliación supoñan a exclusión do plan.
Revisión do sistema para o persoal fixo descontinuo: o actual sistema de pagos ao persoal FD continúa xerando erros e situacións discriminatorias que deben ser corrixidas.
Negociación de todas as produtividades: a produtividade non pode seguir sendo unha ferramenta que a Administración utilice unilateralmente para decidir quen cobra e canto cobra.

3. O PIA 2026 debe negociarse con cambios reais
A Administración informou que a primeira reunión para a negociación do PIA 2026 será o vindeiro martes día 17, sobre a base do modelo aplicado nos últimos anos.
Deixamos claro que non imos aceptar unha simple reedición deste sistema, que continúa xerando desigualdades e que carece da transparencia necesaria nunha administración pública.
Para o PIA 2026 demandamos:
  • Actualización dos módulos retributivos conforme á evolución do custo da vida.
  • Distribución máis equilibrada da produtividade entre subgrupos, dependencias e áreas.
  • Melloras nas condicións de participación para colectivos con situacións especialmente protexidas.
  • Inclusión do persoal funcionario en prácticas no PIA.
Conclusión: a AEAT debe deixar de xogar cos cartos da produtividade
A xestión da produtividade na AEAT continúa sendo un sistema que introduce importantes desigualdades salariais dentro da organización e que permite repartir cantidades moi elevadas de diñeiro público con amplos marxes de discrecionalidade.
Seguiremos a defender unha reforma profunda do sistema de produtividade que garanta un reparto máis xusto, transparente e equilibrado para todo o persoal.