A xustiza recoñece que os concursos deben valorar toda a carreira profesional

A xustiza recoñece, estimando a demanda presentada pola CIG, que nos procesos de provisión de postos debe ser recoñecida a carreira profesional na súa totalidade.
Mércores, 25 Feb 2026

A recente sentenza 87/2026 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, estimando a demanda presentada pola CIG, é unha vitoria xurídica que ten consecuencias directas e moi relevantes para o persoal da Seguridade Social que participou no concurso convocado en 2022, corrixindo unha inxustiza que estaba a prexudicar directamente ao persoal que promocionou internamente.

Ata agora, promocionar supoña unha penalización. A cláusula agora anulada permitía á Administración non valorar os méritos e experiencia obtidos no corpo de procedencia, é dicir, no corpo desde o que se promocionou.

Na práctica, isto significaba que as persoas que aprobaron por promoción interna vían reducida artificialmente a súa puntuación nos concursos. Non se lles recoñecía toda a súa traxectoria profesional, a pesar de que eses méritos foran válidos para promocionar. O que acontecia é que promocionar convertíase nun prexuízo, ao perder puntuación fronte a persoas con menos experiencia global pero máis tempo no novo corpo.

É dicir, a Administración estaba penalizando a promoción interna, algo totalmente contrario á normativa e ao sentido común. A sentenza anula a limitación que permitía á Administración non valorar méritos obtidos noutros corpos ou escalas. Isto significa que, os méritos obtidos antes da promoción interna tamén deben ser valorados e que non se pode recortar a carreira profesional das persoas participantes.

Esta decisión pode ser aínda obxecto de recurso por parte da Administración, máis cabe destacar que é un primeiro paso para que a valoración de méritos nos procesos de provisión de postos teña que ser revisada e que poida extenderse estas decisións ao resto de administracións públicas.

Coñece máis detalles deste caso particular neste enlace.

 

  • carreira profesional
  • concursos
  • promoción interna