ACORDO DE CARREIRA NA AEAT: UNHA PROPOSTA PREXUDICIAL PARA O FUNCIONARIADO GALEGO

Sábado, 05 Xul 2025

No día de onte celebrouse unha nova reunión da Mesa Técnica de Seguimento do Acordo de Carreira da AEAT. A Dirección da Axencia presentou un documento extenso, moi similar aos precedentes, e tamén sen avances reais e cun contido que supón unha ruptura frontal co Acordo do 2007. Desde a CIG, consideramos inaceptábel esta proposta que, lonxe de supoñer unha adaptación do Acordo vixente, supón a súa eliminación encuberta e un ataque directo aos dereitos adquiridos polo persoal funcionario da AEAT.

Un modelo de carreira horizontal que penaliza en vez de recoñecer
A carreira horizontal que propón a Dirección pretende substituír o sistema de tramos automáticos por un sistema baseado en avaliacións subxectivas e itinerarios formativos, cunha compensación económica que non é suficiente. Os complementos de carreira que se contemplan son claramente insuficientes e precarizan especialmente os subgrupos máis baixos. Desde a CIG defendemos un cambio automático de tramo, sen solicitude previa, e con efectos económicos dende a data en que se cumpra o tempo establecido, con recoñecemento de atrasos.
 
Mobilidade e provisión de postos: retroceso inaceptábel
A proposta da AEAT supón un claro retroceso en materia de mobilidade, especialmente para o funcionariado galego. A intención de modificar os paneis e limitar a súa participación é profundamente lesiva: o actual modelo é dos poucos mecanismos que garante, aínda que parcialmente, unha mobilidade real dentro da AEAT. Ademais, os concursos para a carreira vertical propostos cada tres anos son absolutamente insuficientes, mais tamén sospeitamos que ditos concursos serán para moi poucas prazas en Galiza. Desde a CIG esiximos manter os paneis tal e como están e convocatorias máis frecuentes de concursos, e tamén nas Administracións máis pequenas.

Promoción interna: sen reserva de localidade, non hai igualdade
Eliminar a reserva de provincia ou localidade supón condenar á marxinación a boa parte do persoal galego, especialmente ao persoal con cargas familiares.
Os cursos selectivos deben organizarse a nivel de Delegación Especial para garantir o acceso en igualdade de condicións e sen custos desorbitados. Reclamamos tamén unha forte redución do temario e a eliminación de probas xa superadas no acceso ao corpo actual, así como exames máis prácticos e menos memorísticos.

Avaliación do desempeño: máis obxectividade, máis garantías
O modelo proposto baséase nunha avaliación do desempeño sen garantías reais de obxectividade. É imprescindíbel estabelecer mecanismos de control, incluída a avaliación dos propios avaliadores por parte das persoas dependentes. Non podemos permitir que a progresión profesional dependa da arbitrariedade do teu xefe.

Unha oportunidade perdida para recoñecer a nosa especialización
Mentres se nos exixe un nivel elevado de formación, especialización e dispoñibilidade constante, non se nos retribúe en consecuencia, nin se nos permite concursar a outros organismos. A especialización debe retribuírse, e o teletraballo debe ser unha ferramenta real para facilitar a mobilidade e reforzar as administracións comarcais.

Conclusión
A proposta da Dirección da AEAT non é unha adaptación do Acordo de 2007. É un modelo novo, regresivo e lesivo. Desde a CIG denunciamos que este modelo perpetúa a discriminación territorial e impide unha carreira profesional digna para o funcionariado galego. Esiximos a actualización real do Acordo do 2007, coa súa base intacta, con melloras reais e con garantías de igualdade territorial, retributiva e profesional.