AEAT. Mesa de Igualdade

Xoves, 27 Feb 2025
No día de onte a administración convocounos a reunión da comisión de igualdade na que se incluían como  puntos do orde do día, a situación dos puntos violetas nas distintas dependencias da AEAT, e a próxima implantación dun curso de prevención de violencia económica contra as mulleres para todo o persoal da AEAT.

No que respecta aos puntos violetas, a administración infórmanos de que son un instrumento de protección deseñado polo Ministerio de igualdade no que se pretende implicar ao conxunto da poboación para a loita contra a violencia machista, un plan de actuación ao que se adheriu a Axencia Tributaria como parte do seu compromiso ca prevención da violencia sobre as mulleres  e que aínda non está implantado na totalidade das dependencias da Axencia Tributaria, neste punto dende CIG propuxemos unha serie de cuestións respecto a formación do persoal que atenderá estas demandas, a localización dos puntos violetas nos edificios da AEAT, o horario de atención destes puntos violetas ou a dedicación exclusiva ou non do persoal voluntario para participar nesta iniciativa. Cuestións que quedaron sen resolver xa que todo o relacionado cos puntos violetas depende do Ministerio de Igualdade.
 
Por outra banda, a administración  infórmanos que no mes de marzo abrirá para todo o persoal da AEAT un módulo de formación para a prevención da violencia económica contra as mulleres, un curso que a axencia presenta como unha oportunidade de información e formación do persoal da AEAT en materia de violencia económica contra as mulleres e de protección de datos de carácter persoal. Dende CIG valoramos positivamente esta iniciativa e solicitamos que se considere impartir o curso en formato presencial para abordar de maneira práctica as situacións as que o persoal debe facer fronte no exercicio das súas funcións.

Ademais, dende CIG, volvemos demandar a administración que asuma os seus compromisos en materia de  igualdade e conciliación do persoal da AEAT, porén solicitamos que se nos faciliten  os datos retributivos desagregados por sexo nas bandas salariais superiores para poder analizar cuestións como o teito de cristal ou a brecha salarial na AEAT; que se aplique o permiso retribuído de oito semanas por coidado de fillos menores; e que se atenda ás necesidades de conciliación do persoal de promoción interna que debe acudir aos cursos selectivos aos que se lles nega a información necesaria para poder conciliar a súa vida familiar.
 
No Blog e no adxunto podedes consultar o tríptico elaborado pola AEAT para a prevención sobre a violencia económica contra as mulleres.