Aprobado o PAS 2026 con orzamento conxelado e escasa ambición social por parte da AEAT

Domingo, 22 Feb 2026
Onte ficou aprobado o Plan de Acción Social de 2026, marcado pola conxelación, un ano máis, do seu orzamento. A negativa da Dirección da AEAT e o goberno español a ampliar o crédito e a mentalidade de mera xestoría que ten a Dirección da AEAT fai que sexa moi pouco ambicioso e renuncie en boa medida ao carácter redistributivo que debería ter

As novidades principais son unha leve suba dos niveis de renda das unidades familiares e mais do importe das axudas- que demandamos a CIG e outras organizacións para compensar a perda de poder adquisitivo do persoal ao servizo da AEAT

Na CIG consideramos, e así o vimos dicindo, que o orzamento conxelado de 2.402.420 € resulta a todas luces insuficiente para atender a demanda existente e que, ao non actualizarse conforme á  evolución do custe de vida e do incremento de solicitudes, supón na práctica unha redución das axudas, polo que calquera mellora substancial do Plan pasa imprescindibelmente por incrementar a súa dotación económica

Desde a CIG defendimos unha reorientación social do PAS reforzando o seu carácter redistributivo, priorizando as axudas de carácter social directo, reforzando especialmente:
  • conciliación familiar (menores de 3 anos)
  • discapacidade e dependencia
  • tratamentos de saúde
  • desenvolvemento educativo
Neste sentido, defendemos unha redución progresiva do crédito destinado a promoción, que debería pasar aos fondos específicos de formación, destinando os fondos liberados ao reforzo de axudas sociais. Fundaméntase esta proposta en que a promoción profesional constitúe un instrumento de carreira administrativa e formación, non unha axuda social en sentido estrito

Para garantir a promoción e a carreira, desde a CIG propoñemos que sexan os fondos de formación os que asuman este investimento, de maneira que se abra La Academia a todo o persoal, que sexa financiada mediante os créditos de formación e se liberen así os fondos de Acción Social que actualmente detrae

Esta medida, ademais de permitir contemplar a acción da AEAT como un conxunto e non como unha suma de compartimentos estancos, permitiría poñer en marcha novas liñas de axudas, como unha destinada á vivenda debido ao problema de acceso á vivenda que hai e mesmo para aloxamento durante os cursos selectivos dado que se teima por parte da Dirección da AEAT en forzar ao persoal a cursalos nas dúas cidades máis caras do estado español

O PAS 2026 ten algún tímido avance ao actualizarse o importe das axudas e os niveis de renda, aínda que non acadan a compensar a perda de poder adquisitivo. Pero segue mantendo unha estrutura e prioridades que non se adaptan á realidade social actual nin á do persoal da AEAT, así que resulta urxente revísalo a fondo