Balance de dous anos de vixencia do acordo retributivo estatal: seguimos perdendo cartos

Os acordos asinados por os sindicatos estatais CCOO e UXT conseguiron afondar no empobrecemento dos salarios do persoal público
Martes, 02 Xan 2024

O resultado de negarse a aceptar a proposta da CIG na negociación que tivo lugar no ano 2022, que incluía unha cláusula de revisión salarial para evitar perder poder adquisitivo, está xa perfectamente claro: en dous anos perdemos o 1,8% de poder adquisitivo nas nosas nóminas e todas as previsións de cara ao 2024 apuntan a que pecharemos o ciclo deste novo acordo coa administración como única beneficiaria do pactado xa que sobe os salarios dos e das empregadas públicas por debaixo da carestía da vida.


pacto a tres anos que nos fai perder diñeiro

Para ser o máis obxectivos posíbeis á hora de facer unha valoración dos efectos dun pacto que marca o noso soldo debemos ter en conta o propio pacto en si (o momento no que se produce) e as súas consecuencias.

No ano 2022 CCOO e UGT pactaron co Ministerio de Facenda un acordo a tres  anos que non se vinculaba directamente co IPC. Fixérono a sabendas do que facían, non por despiste: a sinatura do acordo produciuse no momento no que o IPC estaba totalmente disparado (chegaba naquel mes ao 9% interanual). A proposta da CIG naquela negociación foi subir un 5% cada ano cunha cláusula de revisión salarial ao final de cada ano, garantindo deste xeito que non perdésemos poder de compra ao logo da vixencia do acordo.

O resultado no primeiro ano foi un desastre para os nosos petos: o IPC interanual subiu un 5,7% no 2022 e os nosos salarios (con todas as subas habidas e por haber) quedouse nun 3,5%.

No segundo ano do acordo, xa co IPC oficial pechado en decembro no 3,1% e cos datos oficiais do PIB, a suba salarial queda no 3,5%(do que faltaría por cobrar un 0,5% que pagarán nos próximos meses con carácter retroactivo), o que permite recuperar tan só unha parte do perdido no 2022. A diferenza, con todo, é do 1,8% entre o que realmente cobramos e a evolución dos prezos.

No 2024 está incluído no acordo do sindicalismo pactista unha suba do 2% que terá que agardar a que o Goberno aprobe os orzamentos ou ben adiante o pago mediante un Real Decreto. No mellor dos casos (tamén en función da evolución do PIB e non do IPC) poderiamos chegar - xa dentro dun ano- ao 2,5%. Para que o resultado final do pacto salarial a tres anos igualase prezos e salarios o IPC tería que rematar o 2024 no 0,7%, algo totalmente imposíbel tendo en conta a evolución dos prezos e da economía. Sen ir máis lonxe, o IPC adiantado de xaneiro de 2024 está no 3,4%. Todo o que dentro dun ano supere a porcentaxe de 0,7% será o que as empregadas e empregados públicos perderemos de poder adquisitivo polo acordo estatal a tres anos: unha vergoña que sexa como resultado dun acordo sindical.

As pensións soben máis que os salarios

Un dos elementos a ter en conta na situación actual da evolución dos nosos salarios é que non era imposíbel chegar a acordos como os que defendía a CIG de subir o 15% en tres anos. Non era unha esaxeración. Vémolo, por contraste, co que pasa coas pensións públicas, que ao estaren referenciadas co IPC interanual medio (que foi máis elevado que o interanual nestes dous últimos anos) subiron o 12,3% (un 8,5% no 2022 e un 3,8% no 2023), moi por riba dos salarios do sector público. Dentro dun ano veremos como as pensións terán subido en tres anos ao redor do que a CIG propuxo para os salarios públicos.

O efecto da proposta da CIG rexeitada polos dous sindicatos asinantes (CCOO e UGT) e o Ministerio de Facenda sería ter cobrado inicialmente un 5% no 2022, cunha actualización retroactiva a final de ano do 0,7% (polo desvío do IPC) e novamente un 5% no 2023. Isto levaríanos a estar agora cun aumento salarial do 10,7%, unha cifra inferior á suba das pensións polo diferente sistema de cálculo do IPC (medio ou interanual). 

A CIG vén de solicitar unha entrevista con Escrivá, novo ministro de Función Pública, para trasladarlle as propostas do sindicato maioritario en Galiza en materia retributiva para o conxunto das traballadoras e traballadores do sector público, de cara a formular propostas que superen os efectos perniciosos sobre os nosos salarios que tivo o pacto sindical de 2022. O obxectivo: recuperar o que nos fan perder e vincular as nóminas, cando menos, á evolución real dos prezos.