Campaña de renda 2025: persoal laboral obrigado a formarse, despois apartado sen explicación nin compensación

Xoves, 25 Xun 2026
Dende a CIG queremos informarvos dunha situación que afecta directamente aos nosos compañeiros e compañeiras do persoal laboral da AEAT na Delegación Especial de Galicia, e que non imos deixar pasar sen reclamar formalmente.

O que pasou:
A maioría das traballadoras e traballadores laborais recibiron a instrución de realizar o curso de campaña de renda e superar un exame para poder participar na campaña e percibir as retribucións correspondentes. Cumpriron con todo o que se lles esixiu: formáronse, examinaron e aprobaron.
E non só iso: de feito, o persoal laboral chegou a facer campaña de renda. Durante o mes de maio realizaron en torno a 3 tardes por día laboral. Con todo, cando chegou xuño (o momento en que deberían ter acumulado a diferenza ata as 14 ou 16 tardes que lles correspondían) a Dirección asignoulles unicamente 3 tardes, co que, en realidade, só fixeron a metade da campaña para a que foran formados e examinados.
E todo isto sen previo aviso, sen explicación formal e sen ofrecer compensación ningunha, alegando unicamente falta de partida orzamentaria. Un argumento que, de ser certo, debeu comunicarse antes de convocar o curso e o exame, non despois de que os nosos compañeiros e compañeiras investisen o seu tempo e esforzo en cumprir o que se lles pedía.

Por que a CIG non asinou o Acordo de Renda:
Para entender esta situación hai que coñecer o contexto. A CIG non asinou o Acordo de Renda 2025 porque entendemos que o modelo que a Dirección impuxo é inxusto e antisocial. Non puidemos avalalo por varios motivos: as táboas retributivas son insuficientes para compensar unha perda de poder adquisitivo acumulada do 20%; o acordo establece subas en porcentaxes diferentes segundo o rol, creando discriminacións salariais onde non as había e esquecendo que sen as operadoras e operadores non hai campaña posible; abre a porta a obrigar ao persoal a traballar os sábados pola mañá por unha compensación que non consideramos xusta; e, en definitiva, a Dirección impuxo sen negociación real a mesma proposta que a representación social rexeitara semanas antes, ameazando con sacar por Resolución o que non se asinase.

A situación do persoal laboral, nun contexto así:
Neste marco, obrigar aos nosos compañeiros e compañeiras laborais a formarse e superar un exame para logo excluílos a metade da campaña, sen explicación nin compensación, é dobremente grave. Non só é unha actuación arbitraria: é a consecuencia lóxica dun modelo de xestión que a Dirección da AEAT vén impoñendo e que o resto de organizacións sindicais avalaron coa súa sinatura.
Ademais, en campañas anteriores, mesmo cando existían tensións orzamentarias similares, o pagamento realizábase con posterioridade sen suprimir a participación do persoal. Esta vez, nin iso.

A posición da CIG:
Xa presentamos reclamación formal ante a Dirección de RRHH da AEAT esixindo:
  1. Unha explicación formal e por escrito das razóns desta decisión.
  2. A compensación económica correspondente ao persoal afectado.
  3. Garantías de que esta situación non se repita en futuras campañas.
Se es compañeira ou compañeiro afectado, ponte en contacto connosco para que poidamos recompilar todos os casos e actuar de xeito conxunto e coordinado.

Non imos avalar que se trate así aos nosos compañeiros e compañeiras. Esixiremos respostas e responsabilidades.

A loita é o único camiño!