Certificacións de servizos e formación: unha traba máis da AEAT ao seu propio persoal
Cando decidimos presentarnos a un concurso de provisión de postos noutro ámbito da Administración Xeral do Estado, precisamos achegar certificados expedidos pola propia AEAT sobre as nosas competencias, funcións e formación. Ata aquí, un trámite máis. O problema é como a AEAT o está a xestionar.
O que estamos a sufrir:
O que estamos a sufrir:
- Formación incompleta. Certifícannos só uns poucos anos, aínda que a convocatoria do concurso non pida ningún límite temporal. E, mesmo dentro dese período recortado, cando temos moita formación que certificar, tamén se nos exclúe parte dela.
- Funcións sen detallar. As certificacións limítanse a dicir "as propias do corpo", sen especificar nada máis (atención ao público, elaboración de informes e certificados, etc.). Ata concellos con moitos menos medios ca a AEAT si detallan estes extremos nas súas certificacións.
- Prazos ao límite. As certificacións remítensenos sistematicamente no último día de prazo posible, dificultando gravemente que poidamos presentar a nosa documentación a tempo.
Unha barreira máis, enriba doutras xa coñecidas
Esta traba non é un feito illado. Chega nun momento en que as nosas condicións económicas levan anos estancadas: o Acordo de Carreira segue sen aplicarse nin negociar un novo de xeito que responda ás nosas reivindicacións, e as produtividades (entre elas o PIA) tampouco melloran nin compensan a perda de poder adquisitivo acumulada. É dicir: a AEAT, mentres non move ficha para mellorar as nosas condicións económicas dentro da propia Axencia, ademais pon atrancos para que quen quere buscar mellores condicións noutros ministerios de Función Pública o poida facer con normalidade. Non se nos permite medrar aquí, e tampouco se nos facilita saír. Iso non é casualidade, é un patrón.
Que fixemos dende a CIG
Presentamos escrito formal ante a Delegación Especial de Galiza da AEAT solicitando:
- Copia da normativa interna na que se ampara a Axencia para xustificar estas certificacións deficientes.
- Cese inmediato destas trabas e que, en diante, se nos faciliten as certificacións de forma correcta e completa a todo o persoal que as solicite: con toda a formación detallada (sen recortes temporais non previstos na convocatoria), coas tarefas e cometidos realmente desempeñados especificados, e remitidas con antelación suficiente.
Non imos permitir que a propia AEAT nos poña cambadelas ao seu persoal, nin para mellorar as condicións aquí dentro, nin para poder marchar a buscalas noutro organismo.