CIG - Administración Pública chama á participación na manifestación do Día Internacional da Muller Traballadora

A manifestación do 8 de marzo sairá ás 11:30 horas da Estación Intermodal de Santiago de Compostela.
Luns, 03 Mar 2025
Prezada compañeira.
 
Un ano máis as mulleres da CIG sairemos ás rúas no 8 de marzo, Dia Internacional das Mulleres Traballadoras, para seguir reivindicando os nosos dereitos, para que non nos rebaixen o que tantas loitas nos costou gañar e para seguir avanzando no camiño da igualdade e a non discriminación.

As mulleres das distintas Administracións públicas debemos seguir loitando para instaurar a igualdade real tanto no acceso á Función Pública, como na promoción, nas condicións laborais e salariais, nos dereitos de conciliación e corresponsabilidade, na saúde laboral e na prevención de riscos.

Seguimos contando con colectivos laborais amplamente feminizados como pode ser o SAF, limpeza, coidados, saúde, etc; porque continuan a asociarse aos roles tradicionalamente femininos e implican para as empregadas públicas unhas condicións laborais e salariais máis penosas e que rozan o salario mínimo interprofesional. Pola contra, nos colectivos máis masculinizados, non se establecen medidas reais para facilitar o acceso as mulleres con capacidades reais para os postos.

Para a inmensa maioría das nosas Administracións a igualdade feminista non pasa máis alá de declaracións en días sinalados no almanaque e, no mellor dos casos, ter un Plan de Igualdade e protocolos ante o acoso e violencia de xénero, obrigatorios por lei, no que se recollen principios e medidas que non reflicten as necesidades de cada administración para acadar a igualdade real ou no que as medidas que se recollen non se aplican. Na maioría dos casos, limítanse a plasmar nos plans de igualdade o que xa está establecido na normativa como un dereito.

Por todas estas cuestións fundamentais e moitas outras, que todas en maior ou menor medida temos que padecer no día a día, é polo que vos facemos un chamamento a tódalas mulleres a participar na manifestación que sairá da estación intermodal de Santiago de Compostela o domingo día 8 de marzo ás 11:30 horas. Sairán autobuses gratuitos dende as distintas comarcas (ponte en contacto co teu local comarcal da CIG para anotarte no bus).
 
Desde a CIG Administración Pública chamamos tamén a unirse ás concentracións e manifestacións convocadas para a tarde do mesmo 8 de marzo pola Marcha Mundial das Mulleres.
 
PARTICIPA. TODAS XUNTAS SOMOS MÁIS FORTES

FEMINISTAS E COMBATIVAS
  • 8M
  • Igualdade
  • Muller