CIG - Produtividade, Calendario Laboral e Traballo a distancia
MELLORA NA PRODUTIVIDADE
15 de setembro era a data fixada para retomar o Grupo de Traballo de Produtividades para fixar a contía de mellora liñal para os niveis 22 e inferiores establecida no Acordo de 15/007/26.
Comeza falando a Admón. explicando as reunións con Facenda polo orzamento, a dispoñibilidade de cartos e os cálculos que fixeron. Conclúen que poden asumir unha mellora de 30€ mensuais para engadir na produtividade por obxectivos de forma liñal tras o cálculo que se fai cos % dos tramos. Aducen que se soben máis os NCD 22 pisarían aos NCD 24.
A CIG opinou como unha cantidade insuficiente e mellorábel, mesmo suxerimos subirlle algo tamén aos NCD 24 e xa non habería o problema aducido pola Admón.
A Admón. xustifica esta cantidade como un compromiso que asumen pero que agora mesmo nin habería cartos para pagar isto, e que haberá cos novos orzamento que se fagan. Comentou tamén que a medio prazo se poden falar doutras melloras, nomeando a produtividade media para grupos que non a perciben, pero nada inmediato polo de agora.
Xa que é unha cantidade que consideramos insuficiente, tras un debate coa Admón., esta aceptou aplicar esta suba de forma total, sen a aplicación progresiva por semestres que establece o Acordo.
Por outra banda sacamos o tema, outra vez, da produtividade do persoal que está nas UURE. Tradicionalmente no Grupo de Traballo de Produtividades delegan na reunión específica de produtividades de UURE e nesta aducen que só é de seguimento.
A CIG considera que se, en termos xerais, o persoal da Seguridade Social vai ver mellorada a súa retribución por produtividade, o persoal das UURE debe ter tamén unha mellora. Tamén incluímos a reivindicación de anular a penalización por estar en IT.
A TXSS defendeuse xustificando que é outro modelo totalmente diferente de produtividade, e defenderon que se unha persoa está en IT non recada e é normal que non perciba a produtividade.
A CIG criticou esta posición, a enfermidade non pode ser un pretexto para penalizar a unha persoa. Solicitamos, outra vez máis, a convocatoria dunha reunión para tratar a mellora de produtividade da UURE.
ADMÓN. APLICA ACORDO, PERO INVENTA LIMITACIÓNS
Reunión da Comisión de Seguimento do Acordo de 15/07/26 tendo como tema principal as Instrucións de aplicación da TXSS e INSS.
Comeza a Admón. expoñendo que estas instrucións conteñen unha mellora que non recolle o Acordo que é a proporcionalidade das tardes nas semanas que non se traballan os 5 días. Preguntado a quen se aplica isto (xa que estas instrucións son da TXSS e INSS) todas as Entidades e Servizos Comúns asumiron esta mellora e dixeron que a aplicarían.
A CIG felicitou a Admón. por aceptar unha demanda que se leva anos reclamando, unha demanda xusta e proporcionada.
Despois TXSS e INSS defenderon estas instrucións, e que de ningunha maneira contradín o Acordo. E para soster esta afirmación dixeron todo tipo de argumentos, ata o punto de, nun alarde de innovación, afirmar que unha cousa son as horas de entrada e saída que agora se permiten, e outra cousa son as horas de traballo que se poden facer (computar) como traballo.
A CIG tachou a limitación de horas totais na modalidade de traballo a distancia como un claro incumprimento do punto 14 do Acordo:
“Se aplicarán a la jornada de trabajo no presencial los mismos límites que la jornada presencial”
A maiores, a CIG tamén criticou outras limitacións como o inicio das tardes ás 15h, que aínda que veña recollido así no Calendario Laboral, é algo que quedou obsoleto e moitos lugares son os que non o aplican hai anos. Agora se recupera, eles saberán o motivo.
Solicitamos tamén que para o cómputo mensual da xornada, os meses se compoñan de semanas completas e, polo tanto, a primeira semana do mes seguinte sexa a dispoñible para recuperar/compensar. Unha semana completa, non días como pretender facer eles.
Do mesmo modo esa limitación arbitraria de recuperar 2,5h do mes anterior.
A CIG tamén expuxo que os días para facer traballo a distancia non deberían restrinxirse a 2 concretos. Anteriormente a TXSS non permitía que faltaran máis dun 25% do persoal cada día, e agora incentiva que falte todo o persoal o mesmo día. Un sen sentido, que ademais prexudica a conciliación do persoal que xa ten a súa vida organizada para traballar a distancia ou facer a tarde nun días determinados.
Son en definitiva, limitacións que insisten en aplicar sobres as melloras acadadas co Acordo. Puidera parecer que non lles gusta o acordo e deféndense como gato panza arriba para aplicalo na súa totalidade.
A CIG advertiu, que o Acordo foi aceptado de boa fe entre ambas partes, e que se agora inventan limitacións que o contradigan, se expoñen a futura conflitividade, mesmo nos xulgados.
Seguiremos informando...