CIG RECLAMA MÁIS PERSOAL PARA ACOMPAÑAR A CREACIÓN DE NOVAS PRAZAS XUDICIAIS E FISCAIS EN GALIZA
Desde a Central Sindical CIG, o 30 de xuño trasladamos á Dirección Xeral de Xustiza nun escrito a solicitude da correspondente dotación de medios persoais con motivo da creación de 19 novas prazas xudiciais en Galiza e de 7 novas prazas de fiscais, aprobadas mediante os Reais decretos 559/2026 e 560/2026, do 8 de xullo.
Novas prazas de Fiscalía en Galiza
Contará con sete novas prazas de fiscal de segunda categoría distribuídas do seguinte xeito:
- Fiscalía Provincial da Coruña: unha praza.
- Fiscalía de Área de Santiago de Compostela: unha praza.
- Fiscalía Provincial de Lugo: unha praza.
- Fiscalía Provincial de Ourense: unha praza.
- Fiscalía Provincial de Pontevedra: dúas prazas.
- Fiscalía de Área de Vigo: unha praza.
Novas unidades xudiciais en Galiza
A distribución das 19 novas prazas xudiciais será a seguinte:
Provincia de Pontevedra
- Unha praza de maxistrado/a na Sección 3.ª da Audiencia Provincial de Pontevedra, correspondente á orde civil.
- Praza número 1 da Sección de Violencia sobre a Muller do Tribunal de Instancia de Pontevedra.
- Unha praza de maxistrado/a na Sección 6.ª da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, correspondente á orde civil.
- Praza número 5 da Sección Civil do Tribunal de Instancia de Vigo.
- Praza número 4 da Sección do Mercantil do Tribunal de Instancia de Pontevedra, con sede en Vigo.
- Praza número 8 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Vigo.
Provincia da Coruña
- Dúas prazas no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
- Unha praza de maxistrado/a na Sección 3.ª da Audiencia Provincial da Coruña, correspondente á orde civil.
- Unha praza de maxistrado/a na Sección 4.ª da Audiencia Provincial da Coruña, correspondente á orde civil.
- Praza número 3 da Sección Civil do Tribunal de Instancia da Coruña.
- Praza número 10 da Sección Civil do Tribunal de Instancia da Coruña.
- Praza número 15 da Sección Civil do Tribunal de Instancia da Coruña.
- Praza número 8 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia da Coruña.
- Praza número 6 da Sección Civil do Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela.
- Praza número 2 da Sección de Familia, Infancia e Capacidade do Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela.
- Praza número 6 da Sección Civil do Tribunal de Instancia de Ferrol.
Provincia de Ourense
- Praza número 6 da Sección Civil do Tribunal de Instancia de Ourense.
Provincia de Lugo
- Praza número 1 da Sección de Violencia sobre a Muller do Tribunal de Instancia de Lugo.
Entrada en vigor:
A entrada en vigor destas novas dotacións está prevista para o 31 de decembro de 2026.
No caso das prazas correspondentes ás Seccións de Instrución, a efectividade terá lugar o 1 de xuño de 2027.
A creación destas novas prazas debe ir acompañada dun incremento real e suficiente dos cadros de persoal dos corpos xerais ao servizo da Administración de Xustiza, así como da dotación das prazas de letrado ou letrada da Administración de Xustiza necesarias onde non existira, para garantir o correcto funcionamento dos órganos xudiciais .
A execución da implantación da Lei de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza xa provocou un incremento moi importante das cargas de traballo nos órganos xudiciais, sen que ese aumento viñese acompañado do necesario reforzo de persoal. Esta situación está a xerar unha sobrecarga cada vez maior e pode agravarse se a incorporación das novas prazas de xuíces e fiscais non leva aparellada a correspondente ampliación dos cadros de persoal.
Desde a CIG advertimos que incorporar novos xuíces ou xuízas e fiscais sen reforzar os equipos de traballo suporía cargar aínda máis ao persoal actual, facendo insostible a situación nos xulgados e nas fiscalías e poñendo en risco o adecuado funcionamento do servizo público de xustiza.
Por iso, reclamamos que cada nova praza de xuíz/xuíza ou fiscal, vaia acompañada da correspondente dotación de persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de Xustiza, así como da creación e provisión da praza de letrado ou letrada da Administración de Xustiza cando a incorporación da nova praza xudicial non conte xa con este profesional.
Non se poden crear novas prazas xudiciais e fiscais sen garantir os recursos humanos imprescindibles para o seu funcionamento. A Xustiza en Galiza precisa dunha planificación acorde ás necesidades reais dos órganos xudiciais e das fiscalías, con máis persoal e máis medios.
A garantía dunha xustiza áxil e de calidade pasa necesariamente por dotar os órganos dos efectivos suficientes e evitar que a falta de persoal continúe incrementando a carga de traballo, os atrasos na tramitación dos procedementos e o deterioro das condicións laborais do persoal.