CIG Xustiza convoca unha concentración pola demora na medición do radón en Pontevedra

A CIG convoca unha mobilización o vindeiro 7 de outubro, ás 12:00 horas, diante da Audiencia Provincial de Pontevedra, ante a falta de información e a demora inxustificable na entrega dos resultados de medición do gas RADON.
Luns, 05 Out 2026

A CIG denuncia publicamente a demora inaceptable da Dirección Xeral de Xustiza na entrega dos resultados das medicións de gas radon realizadas nos edificios xudiciais de Galicia, unha información preventiva que afecta directamente á seguridade e á saúde das traballadoras e traballadores da Administración de Xustiza.


O 10 de setembro de 2024 foi trasladado ás organizacións sindicais, entre elas a CIG, o organigrama inicial das medicións que se ían realizar nos edificios xudiciais de Galicia (dúas avaliacións de edificios xudiciais por cada provincia galega) . Esta programación foi ampliada posteriormente a máis edificios xudiciais.


No caso da Audiencia Provincial de Pontevedra e do Tribunal de Instancia de Marín, os detectores foron colocados inicialmente o 11 de setembro de 2024. Segundo a información trasladada, os detectores permaneceron instalados durante aproximadamente tres meses, sendo finalmente retirados no mes de marzo de 2025.


Desde entón, estamos á espera de coñecer os resultados destas medicións.

CRONOLOXÍA DA RECLAMACIÓN

• 20/10/2025: No Comité de Seguridade e Saúde infórmase de que aínda non están dispoñibles os resultados das medicións de radon, prevéndose para novembro ou decembro de 2025.

• Decembro de 2025: Chegado este mes non se facilita ningún resultado ás organizacións sindicais.

• 22/12/2025: A CIG presenta escrito ante a Dirección Xeral de Xustiza, reclamando os resultados das medicións. Sen resposta a día de hoxe.

• 25/03/2026: Ante a falta de información, a CIG acode á Inspección de Traballo para reclamar os resultados. A Inspección de Traballo comunica o 15/04/2026 que o asunto non entra no seu ámbito de actuación e traslada o expediente ao Consello de Seguridade Nuclear.

• 05/05/2026: O expediente ten entrada no Consello de Seguridade Nuclear, onde permanece actualmente en fase de comprobación e investigación.

30/06/2026: Celébrase un novo Comité de Seguridade e Saúde e, unha vez máis, non se trasladan ás organizacións sindicais os resultados das medicións.


NON IMOS PERMITIR QUE A BUROCRACIA SE CONVERTA NUNHA ESCUSA PARA OCULTAR INFORMACIÓN PREVENTIVA


Desde a CIG consideramos inadmisible que, máis de dous anos despois da retirada dos detectores, as traballadoras e traballadores da Administración de Xustiza sigan sen coñecer os resultados das medicións realizadas nos seus propios centros de traballo.


Estamos a falar dunha cuestión directamente relacionada coa prevención de riscos laborais e coa protección da saúde das persoas traballadoras. A información preventiva non pode permanecer meses e meses nun caixón nin estar sometida a trámites interminables mentres as traballadoras e traballadores continúan desenvolvendo a súa actividade nos mesmos edificios.


A situación resulta aínda máis preocupante cando temos constancia de que se están dando instrucións nos edificios xudiciais de que se ventilen as dependencias, con cal intuímos a existencia duns niveis elevados de radon nelas (a título de exemplo a propia Audiencia Provincial de Pontevedra, o Tribunal de Instancia de Cambados, etc). Isto unido a que houbo algúns casos de cancro de pulmón na Audiencia Provincial de Pontevedra, que poderían ou non ter como causa o gas radon, producen unha certa alarma, aínda que non existe neste momento información que permita establecer esa relación causal. Polo tanto, ao tratarse dunha cuestión que pode afectar á saúde das persoas traballadoras, consideramos imprescindible aplicar o principio de prevención: ante un posible risco, hai que medir, informar e actuar.


En conclusión, ante o que consideramos unha demora intolerable na entrega dunha información esencial para a prevención de riscos laborais, a CIG convocou unha concentración de traballadoras/es para o vindeiro 7 de outubro, ás 12:00 horas, diante do edificio da Audiencia Provincial de Pontevedra, na rúa Rosalía de Castro, s/n.


A mobilización ten como obxectivo esixir publicamente á Dirección Xeral de Xustiza que entregue, sen máis dilación, os resultados das medicións de radon e que adopte todas as medidas preventivas que sexan necesarias para protexer a saúde das traballadoras e traballadores da Administración de Xustiza.


Desde a CIG imos seguir reclamando transparencia, prevención e garantías para todo o persoal da Administración de Xustiza. Porque cando está en xogo a saúde das traballadoras e traballadores, non caben escusas, atrasos nin silencio administrativo: hai que informar e hai que actuar.

  • Administración Xeral do Estado
  • AXE
  • Radón
  • Xustiza