Comisión de Igualdade: A AEAT négase a desenvolver e aplicar o novo permiso parental de 8 semanas

Venres, 13 Xun 2025
Onte tivo lugar a reunión periódica da comisión de igualdade, para abordar os datos estatísticos de igualdade na AEAT en 2024 e novidades en materia de igualdade

Sobre os datos estatísticos, desde a CIG cuestionamos que sigan sen dar datos sobre as retribucións complementarias. Isto impide coñecer realmente o alcance da fenda salarial, sobre todo nos niveis superiores, e dificulta o traballo sindical para facer achegas para reverter a situación
 
Por outra banda, deron conta da implantación dos puntos violetas e da posta en marcha do módulo de formación para a prevención da violencia económica contra as mulleres, que está a dispor do persoal na Aula Virtual

Desde a CIG lamentamos que o tríptico sobre a violencia económica non se distribuíra en todas as plataformas de Renda dado que é un momento especialmente sensibel para identificar estas situacións

Ademais, desde a CIG pedimos que a AEAT regule e aplique o permiso retribuído de 8 semanas por coidado de fill@s e os outros novos permisos previstos na lexilación (4 días por enfermidade grave, etc). Entendemos que coa habilitación do TREBEP a AEAT ten base suficiente para desenvolver a súa normativa complementaria para non furtar este dereito ao seu persoal

Un plan de igualdade propio da AEAT para resolver os “debes” en igualdade

Finalmente, instamos á AEAT a que camiñe cara aprobar un Plan de Igualdade propio da AEAT, non só a presentarnos uns datos incompletos que non permiten facer case nada e que amosan que as mulleres ocupamos maioritariamente os postos máis precarios (campaña de Renda, niveis máis baixos do cadro de persoal)

Na CIG demandamos que se faga o traballo completo de diágnose na AEAT para remover todos estes impedimentos e corrixir a infrarrepresentación feminina en determinados corpos, a fenda salarial, a discriminación directa e indirecta das mulleres (permisos, barreiras á promoción interna,…), e tomar medidas proactivas para a atracción de mulleres aos corpos onde estamos infrarrepresentadas (como o colectivo de Vixilancia Aduaneira)