Comisión Subdelegada dos Serv. Territoriais das Delegacions e Subdelegacions do Goberno da AXE
INSTRUCCIÓN DE PRODUTIVIDADE
O Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática presentou este martes na Comisión Subdelegada o novo sistema de “produtividade por obxectivos” para Delegacións e Subdelegacións do Goberno, un modelo que vinculará boa parte das retribucións complementarias ao cumprimento de indicadores e resultados medibles.
O documento presentado pola Administración deixa claro que a produtividade por obxectivos converterase na modalidade principal do sistema, absorbendo máis do 80 % do crédito destinado a produtividade. O modelo aplicarase ao conxunto do persoal, tanto funcionario como laboral, e estruturarase arredor de obxectivos previamente definidos para cada unidade de xestión.
A proposta pretende converter a produtividade variable no eixo central das retribucións complementarias, concentrando máis do 80 % do crédito dispoñible neste novo modelo, que estará vixente o segundo semestre do ano 2026.
O documento presentado pola Administración deixa clara a orientación do novo sistema, avaliación por resultados, cumprimento de obxectivos medibles, indicadores automatizados, seguimento do rendemento e retribución vinculada ao grao de cumprimento dos obxectivos fixados para cada unidade.
Durante a reunión, o novo secretario xeral de Coordinación Territorial foi especialmente claro ao afirmar que “isto non vai só de retribucións, vai tamén de conseguir obxectivos”.
Non estamos simplemente diante dunha mellora salarial. Estamos diante da implantación progresiva dun modelo de avaliación do desempeño e produtividade ligado a resultados cuantificables.
A propia Administración recoñeceu que o sistema toma como referencia directa o modelo do SEPE.
Tamén puxo como exemplo de “éxito” o plan especial de produtividade de Extranxeiría, defendendo precisamente que se acadaron “magníficos resultados” intensificando rendementos dentro da xornada ordinaria.
É dicir, a Administración xa deixa entrever cara onde se dirixe o modelo, máis produtividade, máis medición e máis presión por resultados.
O sistema estrutúrase arredor de pagos semestrais vinculados ao cumprimento de obxectivos. Segundo o documento haberá pagamentos mensuais “a conta” e liquidacións definitivas en marzo/abril e outubro segundo os resultados acadados.
As cantidades previstas son:
● entre 1.580 € e 2.180 € semestrais para o grupo 3,
● entre 1.818 € e 2.508 € para o grupo 2,
● e ata 2.834 € para o grupo 1.
A Administración repitiu varias veces que “ninguén perderá un céntimo”, pero ao mesmo tempo recoñeceu que existen colectivos que actualmente perciben produtividades imposibles de estender ao conxunto do persoal por limitacións orzamentarias.
A solución que avanzan son complementos transitorios. É dicir, nin sequera a propia Administración ten pechado aínda o encaixe real do sistema.
Dende a CIG entendemos que un dos grandes problemas desta proposta é que practicamente desaparece do debate a situación estrutural da AGE no territorio, falta de persoal, vacantes sen cubrir, mobilidade bloqueada, concursos eternizados, colapso de servizos, sobrecarga de traballo ou a situación crítica de Extranxeiría.
A Administración fala constantemente de “incentivar”, “mobilizar a organización” e “mellorar rendementos”, pero apenas aborda o reforzo estrutural das plantillas.
O documento tamén confirma que cada unidade terá obxectivos medibles e verificables mediante fontes automatizadas.
Entre as unidades afectadas estarán extranxeiría e traballo, sanidade-farmacia, Exterior, agricultura, iIndustria, educación, secretaria xeral, fomento-transportes, Secretaría Xeral,etc.
A propia Administración recoñeceu que o sistema aínda non está pechado e que faltan resolucións reguladoras, anexos, autorizacións definitivas de gasto e negociación sindical.
Desde a CIG entendemos que, a negociación real acaba de empezar. Seguiremos vos informando dos próximos grupos de traballo ao respecto desta instrucción.