COMITÉ DE SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL 10/11/2026

Martes, 10 Nov 2026

Comité de Seguridade e Saúde: realizaranse os informes psicosociais nos xulgados de Ponteareas e Vilagarcía de Arousa

Na reunión do Comité de Seguridade e Saúde celebrada hoxe abordáronse diferentes cuestións relacionadas coa saúde laboral, as condicións de traballo e as necesidades dos edificios xudiciais.

1. Lecturas dos niveis de Radon.

O Director Xeral xa indicou ao inicio do comité que tampouco hoxe se facilitarían as lecturas de radon dos distintos edificios xudiciais en tanto en canto no se acorde a publicación a nivel autonómico polas consellerías respectivas, e dicir, que ata que lle den a orde desde arriba non vai facilitar as lecturas correspondentes.

Durante a intervención de Alberto Ruano, experto do Laboratorio de Radón de Galicia presente na xuntanza do comíte, explicouse que o radon é un gas radioactivo de orixe natural que está probado científicamente que pode provocar cancro de pulmón. Indicou que, a partir dunha concentración de 300 Bq/m³ (becquerelios por metro cúbico), deben adoptarse medidas correctoras para reducir a exposición. Estas radiacións son acumulativas, é dicir, que se suman as que podes recibir na túa vivienda coas que podas recibir no traballo por iso é importante correxir tanto unhas como outras e que, no caso do traballo é a administración a que debe poñer en marcha as medidas correctoras. 
En canto aos resultados das medicións realizadas, sinalou que os valores máis elevados foron detectados nos arquivos, onde cinco medicións superaron os 1.000 Bq/m³. Ademais, entre seis e sete dependencias que non son arquivos presentan concentracións superiores aos 300 Bq/m³, mentres que o resto dos valores se sitúan maioritariamente entre os 300 e os 500 Bq/m³. A Audiencia Provincial da Coruña é unha das zonas nas que se rexistraron os resultados máis elevados.

Desde este sindicato insistimos en que a información non pode quedar limitada a unha exposición técnica nunha reunión. Os traballadores e traballadoras teñen dereito a coñecer os resultados das medicións realizadas nos seus centros de traballo, especialmente cando existen dependencias con concentracións que superan os niveis de referencia establecidos.
A prevención comeza coa información, continúa coa adopción de medidas correctoras e remata coa comprobación de que esas medidas son realmente eficaces.
Seguiremos reclamando transparencia, información para os delegados e delegadas de prevención e solucións efectivas para garantir unhas condicións de traballo seguras e saudables en todas as dependencias xudiciais.
A saúde dos traballadores e traballadoras debe ser sempre a prioridade.

2. Informes psicosociais de Ponteareas e Vilagarcía

No segundo punto da orde do día tratouse a realización dos informes de riscos psicosociais nos xulgados de Ponteareas e Vilagarcía de Arousa, preguntando á representación sindical pola súa opinión ao respecto.

Desde a CIG quixemos deixar claro que esta cuestión non xorde agora por iniciativa da Dirección Xeral nin como consecuencia dunha votación ou decisión dos sindicatos. A realidade é que a Dirección Xeral xa recibiu os requirimentos da Inspección de Traballo, tras as solicitudes que a CIG presentou ante este organismo para que se realizasen os correspondentes informes psicosociais nos dous partidos xudiciais.

Polo momento, temos constancia de que chegou o requirimento relativo a Ponteareas. Entendemos que o de Vilagarcía tamén debe estar xa en tramitación ou recibido, xa que ambos os dous foron solicitados pola CIG ante a Inspección de Traballo ao mesmo tempo e a súa inclusión na orde do día apunta nesa dirección.

Polo tanto, a realización dos dous informes vén motivada pola actuación da Inspección de Traballo tras as denuncias e solicitudes formuladas pola CIG, e non por unha iniciativa espontánea da Administración.

En canto á situación dos dous xulgados, desde a CIG insistimos en que os problemas existentes non se poden atribuír a ningún funcionario ou funcionaria en particular, senón ás condicións nas que se está desenvolvendo o traballo.

- Ponteareas: a problemática está relacionada principalmente coa elevada carga de traballo e co clima laboral que se está xerando. Unha situación que xa se ve reflectida no informe elaborado polo presidente da Audiencia Provincial e que evidencia a necesidade de analizar as condicións de traballo e os factores psicosociais que están a afectar ao persoal.

- Vilagarcía de Arousa: a situación está especialmente condicionada por unhas gardas que, na práctica, parecen converterse en servizos de permanencia, ademais da importante carga de traballo que soporta o persoal. Trátase tamén de tribunais que non chegan a asentarse debido á dinámica e ás necesidades constantes do servizo.

Consideramos fundamental que estes informes permitan identificar as causas reais dos problemas e adoptar medidas efectivas para protexer a saúde laboral do persoal.

3. Obras, instalacións e necesidades dos edificios xudiciais

Outro dos asuntos tratados foi o estado das obras que se están executando e das que aínda están pendentes.

A Administración informou dos seguintes aspectos:

- Vilagarcía de Arousa: continúa pendente a execución das actuacións previstas. Polo momento están co proxecto e, posteriormente, viría a licitación, un proceso que podería demorarse arredor de catro meses. Aínda non hai unha data concreta de inicio das obras.
- Xulgado de garda da Coruña: por agora non teñen definida a solución que se vai adoptar.
- Obras en execución: indicaron que a previsión é que todas as que están actualmente en marcha rematen antes de finalizar o ano.
- Rexistro Civil de Ourense: están valorando trasladalo á Audiencia Provincial.

Pola nosa parte, desde a CIG trasladamos e insistimos nas seguintes cuestións:

- Cidade da Xustiza de Vigo: continúa pendente a instalación dunha varanda nas escaleiras da praza, unha medida necesaria para mellorar a seguridade.
- Salas de autopsias: a súa situación e as actuacións necesarias parecen depender do Sergas.
- Oficinas xudiciais nos municipios: no caso da Cañiza, para poder poñer en marcha o proxecto é necesario falar previamente co Concello.
- Arquivos xudiciais de Santiago e Ferrol: a Administración informou de que xa se procedeu á súa limpeza. Non obstante, desde a CIG advertimos de que en Santiago aínda quedan bombonas entre as pezas de convicción, que supoñen un perigo e deben ser retiradas. O director xeral precisou que en canto se lle comunique por escrito (expediente gubernativo) procederá a súa retirada sen problema pero que, mentras non teña esa orde escrita non pode facer nada. 
Lugo: trasladamos a problemática do teito e das pingueiras, sobre a que nos indicaron que xa se estaba actuando.
Aire acondicionado do Porriño: volvemos lembrar esta cuestión, da que a Administración xa ten coñecemento.
Accesibilidade: solicitamos a habilitación de accesos adaptados para persoas usuarias de cadeiras de rodas, como no caso da Audiencia Provincial de Pontevedra. A Administración manifestou que coñece o problema e que estudará como solucionalo.
TSXG: preguntamos pola adaptación dun baño para persoas con discapacidade. Indicaron que están traballando nesta cuestión.
Edificio xudicial de Vigo: solicitamos unha cadeira de rodas para o edificio. Tomaron nota da petición.

4. Outros asuntos pendentes e próximas actuacións
Debido á cantidade de asuntos previstos e ao feito de celebrarse dúas reunións no mesmo día, con numerosos temas de especial importancia, non foi posible abordar todo o que tiñamos previsto.
Desde a CIG tamén solicitamos que a reunión relativa ao protocolo coordinado de acoso se celebrara nunha única sesión, evitando fragmentar o tratamento dun asunto tan importante. A administración indicou que tras as alegacións realizadas pola parte sindical xa quedaba pendente de sinatura por parte do Ministerio de Xustiza que, dada a situación actual, non se sabe se poderá ser asinado.

Quedaron pendentes de abordar, entre outras cuestións:
Formación do persoal.
Falta de dotación de medios e recursos.
Nova implantación de Atenea e os problemas que está a xerar no persoal, tamén desde o punto de vista psicosocial.
Outros asuntos relacionados coas condicións de traballo e coa saúde laboral.
Acordamos remitir por escrito tanto a documentación relativa aos simulacros como o resto das cuestións que non puideron ser tratadas na reunión. A Administración comprometeuse a dar resposta aos asuntos que lle traslademos.

Desde a CIG seguiremos insistindo e consideramos imprescindible que os problemas que afectan ao persoal da Administración de Xustiza se aborden con rigor e que non queden en simples compromisos ou promesas.
A realización dos informes psicosociais de Ponteareas e Vilagarcía é un paso necesario, pero o importante será que os seus resultados se traduzan en medidas concretas para reducir a carga de traballo, mellorar o clima laboral e garantir unhas condicións de traballo dignas e saudables.
Seguiremos trasladando todas as deficiencias detectadas e esixindo solucións á Administración.