COMITÉ DE SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL - 20-10-2025
Onte, luns 20 de outubro, celebrouse reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral, onde se trataron diversos temas. O máis importante é que por fin se quere dar comezo á negociación dun Plan de Igualdade na Administración de Xustiza en Galiza. Hai que lembrar que no Ministerio comenzaron as reunións no ano 2023, pero están paralizadas dende entón.
Como parte dese Plan de Igualdade se incluirá o Protocolo de actuación da Administración de Xustiza fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo, do que se nos trasladou un borrador ao que se remitirán alegacións no prazo dun mes.
Ademais, tratáronse os seguintes temas:
- Vaise elaborar o Plan de Prevención do ano 2026.
- Deuse traslado da situación das obras que se están a executar nos distintos edificios xudiciais.
- Desfibriladores: procederase á instalación neste ano en todos os edicifios xudiciais e informarase sobre o seu manexo a todo o persoal, aínda que o uso será exclusivo do persoal de seguridade.
- Gas radón: estamos á espera de que no mes de novembro se dean os resultados das medicións da primeira Fase e asinouse un convenio coa empresa da USC para o resto de edificios.
A CIG volveu insistir na reparación de certas deficiencias que persisten nalgúns edificios, como o problema da varanda no edificio de Vigo, a cuberta de Lugo, os arquivos de Lalín, a situación da rehabilitación do edificio da Audiencia Provincial de Pontevedra…. Tamén se solicitou que se amañe o problema da inexistencia do cuarto de baño para o público no servizo de garda do edificio de Vigo, ao que a administración contestou que xa se estaba a estudiar a solución.
Despois de que por parte deste sindicato se criticase a situación vivida por Vilagarcía na fase I, o Director Xeral comentou que seguramente o 4 de novembro vai visitar, acompañado do secretario coordinador, os Tribunais de Instancia de Cambados e Vilagarcía de Arousa.
Aínda que non era materia deste Comité, a CIG trasladou o malestar de moitas compañeiras e compañeiros polo funcionamento dos dispositivos de conexión para portátiles (DOCKS). Quedaron informados e na reunión que terán con AMTEGA, o mércores 22 de outubro, vano trasladar.
En rogos e preguntas o Director Xeral manifestou que pola entrada en funcionamento dos Tribunais de Instancia o 1 de xaneiro, é posible que se amplíe o prazo para solicitude de vacacións e permisos para que non se acumulen as peticións nesas datas.