COMUNICACIÓN DE EIVAS NO TRIBUNAL DE INSTANCIA DE REDONDELA

Venres, 12 Xun 2026

Tras a visita realizada por este sindicato este pasado  ás dependencias xudiciais do Tribunal de Instancia de Redondela, queremos poñer en coñecemento desa Dirección Xeral,  unha serie de deficiencias organizativas e materiais que están a afectar ao correcto funcionamento do servizo público.

En primeiro lugar, compre sinalar a situación da sala habilitada inicialmente para a realización de declaracións de violencia sobre a muller e que, na actualidade, tamén se emprega para a práctica de declaracións penais e civís. O equipamento tecnolóxico instalado nesta dependencia non está adaptado á carga de traballo actual, resultando claramente insuficiente para asumir o elevado volume de actuacións que nela se desenvolven. Esta circunstancia provoca continuas incidencias técnicas que deben ser comunicadas ao CAU, producíndose continuos cortes nas gravacións, dificultando o normal desenvolvemento das actuacións xudiciais aí celebradas.

Por outra banda, queremos denunciar a situación existente no Grupo de Servizos Xerais e Auxiliares. Segundo o Protocolo, na parte de Rexistro e reparto de escritos e demandas,  onde antes existía una prolongación de xornada para as funcións de decanto (rexistro e reparto), esta era asumida polo persoal dos corpos de Xestión Procesual ou Tramitación Procesual. Dende a eliminación da prolongación  estas tarefas están a ser asumidas por unha persoa do Corpo de Auxilio Xudicial, ao que non lle corresponden ditas funcións conforme á distribución competencial establecida. Non é lóxico que nas vilas onde existen tres ou máis prazas xudiciais a función este claramente encomendada ao persoal de tramitación nas RPT’s (petición que este sindicato ven solicitando desde fai tempo que se extrapolara tamén aos tribunais con dúas prazas) e que nas vilas con dúas prazas non haxa persoal propio para exercer estas funcións.

Por este motivo, solicitamos que se dote a este  Servizo dun posto de Tramitación Procesual que permita garantir a adecuada prestación do servizo e o correcto desempeño das funcións encomendadas.

Ademais, a situación agrávase de cara ao período de vacacións estivais, xa que este servizo terá que ser asumido de maneira rotatoria polo persoal funcionario dos distintos órganos xudiciais. Isto implicará que os funcionarios e funcionarias teñan que atender simultaneamente as función do seu propio servizo, máis as gardas e as tarefas de rexistro e reparto, incrementando de forma notable a carga de traballo e dificultando a correcta prestación dos servizos de tramitación e execución.

Por todo o exposto, desde este sindicato solicitamos á Administración que adopte con carácter urxente as medidas necesarias para corrixir estas deficiencias, dotando os medios materiais e persoais precisos para garantir un funcionamento eficaz e adecuado do Tribunal de Instancia de Redondela e evitar que estas situacións continúen repercutindo negativamente tanto no persoal como na calidade do servizo público prestado á cidadanía.

Para ver o xustificante de presentación preme na ligazón: