COMUNICACIÓN DE EIVAS NOS TRIBUNAIS DE INSTANCIA DE OURENSE
Este 19 de xaneiro remitimos á Dirección Xeral de Xustiza e, ao Secretario Coordinador de Ourense, sendos escritos polos que DENUNCIAMOS que, con motivo da implantación dos Tribunais de Instancia en Ourense, actuando esta sede como piloto da posta en funcionamento da nova estructura xudicial, estanse a producir graves deficiencias organizativas e unha manifesta falta de medios materiais, que están a afectar de forma directa ao correcto desempeño do servizo público da administración de xustiza.
En relación á falta de medios materiais e tecnolóxicos adecuados, existe falta de teléfonos e impresoras nos equipos de consumo e resto de civil, dentro da area de tramitación civil, o que é unha carencia que resulta especialmente grave tendo en conta a implantación do “papel cero” que esixe usar as impresoras para multifunción para dixitalizar e escanear a documentación de maneira habitual e obrigatoria.
Tamén cabe sinalar que non funcionan as consultas a través do punto neutro e tampouco o visor.
Doutra banda, atopámonos cunha falta de diferenciación funcional entre o corpo de xestión procesual e o corpo de tramitación procesual porque a día de hoxe temos RPT´s e na práctica non existe unha distinción real nas funcións desempeñadas, a pesar de que a devandita distinción se atopa expresamente recollida na normativa vixente.
Esta situación supón un esvaecemento da estrutura funcional dos tribunais de instancia, incumprindo a normativa reguladora dos corpos ao servizo da Administración de Xustiza, o que supón unha desnaturalización das categorías profesionais, viciándoas de contido, e un prexuízo organizativo, así como un deterioro do servizo publico, ao non existir unha correcta asignación das tarefas acordes a cada corpo. Esta problemática pode observarse tanto non servizo común de tramitación Penal, Civil e Social de Ourense.
Así mesmo denunciamos as continuas modificacións na repartición de asuntos e falta de criterios claros, xa que dende a implantación do actual sistema organizativo, a repartición de asuntos modificouse ao redor de seis ou sete veces, sen que a día de hoxe se teña claro un criterio estable. Esta situación está a provocar cambios constantes nas instrucións ao persoal funcionario, e moitas veces contraditorias entre si.
Esta continua alteración de criterios no reparto produce un grave descontrol, podendo provocar duplicidades e erros, así como que sitúa aos traballadores/as nunha situación de incerteza permanente, afectando negativamente tanto ao clima laboral como a calidade do servizo.
Tamén cabe sinalar a falta de coordinación efectiva do horario entre as comarcas e o Tribunal de Instancia VSM, especialmente no relativo a organización horaria dos traslados e a adecuada sincronización das actuacións que requiren desprazamentos.
Por todo o exposto, solicitamos que se adopten de maneira urxente as medidas necesarias para corrixir e emendar as deficiencias denunciadas, a fin de garantir unha axeitada organización do traballo con criterios definidos, un respecto as funcións de cada corpo, unha correcta dotación de medios materiais e tecnolóxicos, e un criterio fixo e coordinado entre as comarcas e o Tribunal de Instancia VSM.
Para ver os xustificantes de presentación preme nas ligazóns: