CONCENTRACIÓNS POLA CLAUSULA DE REVISIÓN SALARIAL PARA O PERSOAL EMPREGADO PÚBLICO
19 DE NOVEMBRO – DEFENDER OS SALARIOS, DEFENDER OS DEREITOS
A CIG celebrou este 19 de novembro, concentracións en todo o país para esixir a recuperación do poder adquisitivo e a implantación dunha cláusula de revisión salarial real e automática máis o 5% que impida que a inflación siga devorando os salarios das traballadoras e traballadores, especialmente no sector público pero tamén no conxunto da clase traballadora galega.
Estas mobilizacións enmárcanse nunha acción sindical coa intención de presentar unha Proposición Non de Lei (PNL) no Parlamento galego —impulsada por iniciativa da CIG— coa que se insta ao Goberno a habilitar unha cláusula de revisión salarial vinculada á evolución do IPC, garantindo así que ningún acordo salarial, nin presente nin futuro, volva converterse nunha perda encuberta de dereitos.

A CIG denuncia que, mentres a clase traballadora sofre o encarecemento da vida, os gobernos —estatal e galego— seguen instalados nun modelo de subas salariais insuficientes, pactadas de costas ao persoal e sen garantías de actualización anual. Por iso, reclamamos un mecanismo que impida que as subidas “nominais” sigan quedando por baixo da inflación real, e que se deixe de utilizar o salario do persoal ao servizo das Administracións como ferramenta de axuste orzamentario.
As concentracións deste 19 de novembro amosan con claridade que a resposta está na rúa, a cláusula de revisión salarial é unha necesidade urxente, un instrumento de xustiza social que debe incorporarse de inmediato. Ao mesmo tempo, a iniciativa parlamentaria demostra que a CIG non renuncia a ningún ámbito de loita, nin ao sindical nin ao institucional.
Dende a CIG chamamos ao conxunto do persoal a manter as mobilizacións.