A DIRECCIÓN XERAL NÉGASE A CORRIXIR OS DEFECTOS DO CONCURSO DE PRAZAS DE LIBRE DESIGNACIÓN

Martes, 16 Set 2025

Esta foi a contestación que nos enviou a Dirección Xeral de Xustiza, sobre as eivas do concurso de traslados de prazas de libre designación. So faltaba que dixeran que como xa están "concedidas" para que andar a remexer no tema. En fin, esta é a limpeza e pulcritude dun concurso de traslados onde a xente ignora non so as funcións dos postos se non tamén das tarefas a realizar:

"Atendendo ao establecido na normativa de aplicación non procede modificar a Resolución do 4 de setembro de 2025, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se convocan, para a provisión polo sistema de libre designación, postos de traballo dos corpos de xestión procesual e administrativa, e de tramitación procesual e administrativa da Administración de xustiza, xa que se axusta ao recollido no artigo 57 do Real Decreto 1451/2005, do 7 de decembro, que establece que nas convocatorias “poderán recollerse as especificacións derivadas da natureza das funcións encomendadas ao mesmo”, sen establecer como requisito obrigatorio que as convocatorias fagan referencia as funcións dos postos.

As funcións dos ditos postos son realizar o servizo de soporte e apoio gobernativo ás persoas que exerzan as funcións de presidencia dos tribunais colexiados, á sala de goberno, á persoa titular da Secretaría de Goberno e á persoa titular da Secretaría de Coordinación Provincial de conformidade co establecido na Resolución do 23 de abril de 2025 pola que se acorda o deseño e a estrutura da oficina xudicial para os tribunais de instancia e os tribunais colexiados, de conformidade coas previsións contidas na Lei orgánica 1/2025, do 2 de xaneiro, de medidas en materia de eficiencia do servizo público de xustiza".