Continúa a mobilización do persoal civil de Defensa

O mércores 21 de outubro ás 11:00 celebraranse concentracións para que a mellora salarial chegue ás nominas e se consolide como dereito.
Martes, 20 Out 2026

A CIG fai un chamamento ao conxunto do persoal civil do Ministerio de Defensa en Galiza a mobilizarse en demanda de salarios dignos e dunha mellora retributiva consolidada para todo o persoal.

Na última reunión da Mesa Delegada de Negociación, Defensa comprometeuse expresamente a remitir a Facenda o expediente de mellora retributiva correspondente a 2026. Segundo a información trasladada polo Ministerio, a autorización de Facenda confirmouse a semana pasada.

A CIG valora positivamente este avance, froito da presión e da mobilización do persoal, pero denuncia que chega no último trimestre do ano, tras meses de incerteza, e sen resolver a discriminación retributiva que orixinou o conflito.

O persoal civil precisa que a mellora se faga efectiva nas nóminas e quede integrada de maneira estable na súa estrutura retributiva. Non podemos seguir dependendo de autorizacións anuais que manteñen o persoal na incerteza e non consolidan dereitos.

Por iso, a CIG considera necesario continuar coa mobilización até que os compromisos se convertan en feitos e se garanta unha solución duradeira para todo o persoal civil, funcionario, estatutario e laboral.

Ante o encarecemento do custo da vida e a continua perda de poder adquisitivo, chamamos a participar masivamente nas concentracións do 21 de outubro, ás 11.00 horas, en Ferrol e Marín. 

Salarios dignos, melloras nas nóminas e dereitos consolidados. A mobilización continúa! 

  • Administración Xeral do Estado
  • AXE
  • Defensa