Da sinatura á pancarta, o curioso modelo sindical

Martes, 02 Xun 2026

Tarde piaches CCOO

A noticia ten un punto de sarcasmo difícil de ignorar. Causa risa ver a CCOO convocando concentracións en Madrid, este mes de xuño, para reclamar melloras salariais na AGE cando acaba de asinar, unha vez máis, un acordo retributivo para catro anos (2025-2028) que non garante nin o mantemento do poder adquisitivo do persoal empregado público. Recordo que a CIG negouse a asinar.

É dicir, primeiro asinan acordos que hipotecan os salarios do persoal empregado público durante catro anos e despois descobren que hai traballadores e traballadoras que non chegan a fin de mes.

A pregunta é, se tan preocupante é a situación salarial na AGE, por que non o resolveron na mesa de negociación cando tiñan a oportunidade? Porque reclamar 1.500 euros netos está moi ben para un titular, pero moito máis útil sería deixar de asinar acordos que consolidan perdas salariais.

O problema non é só quen cobra menos. O problema é que miles de empregados públicos levan anos vendo como os seus salarios perden valor mentres os sindicatos asinantes (UGT, CSIF e CCOO) venden como avances acordos que nin sequera garanten manter o poder de compra.

Resulta difícil tomarse en serio estas campañas cando chegan inmediatamente despois de rubricar un novo acordo salarial a varios anos vista. Quizais o que necesita a AGE son sindicatos que deixen de aceptar perdas de poder adquisitivo cada vez que se sentan a negociar.

Un modelo sindical curioso, primeiro a sinatura, despois a protesta e, finalmente, a foto.