DEFICIENCIAS EN MATERIA DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS SALA DE AUTOPSIAS DE VIGO - NIVEL 3 BIOSEGURIDADE???
Este 20 de abril, tras a visita realizada polas técnicas de prevención de riscos laborais á sala de autopsias de nivel 3 de bioseguridade de Vigo, formúlase a presente denuncia polas seguintes deficiencias detectadas:
En primeiro lugar, a porta de entrada de cadáveres non reúne as condicións axeitadas, sendo necesario substituíla por unha máis lixeira ou que permita a apertura en ambos sentidos, co fin de garantir unha manipulación segura.
En segundo lugar, constátase a falta de sinalización na sala de mostraxe, o que supón un risco para a seguridade do persoal.
Así mesmo, resulta especialmente grave a ausencia dunha grúa para o levantamento de cadáveres, imprescindible para evitar riscos ergonómicos. Ademais, o chan atópase desconchado, o que podería permitir a filtración de fluídos biolóxicos, incrementando o risco de contaminación, así como non funcionar o sistema de lavaollos.
Por outra banda, a dotación de persoal é insuficiente. Seguindo o modelo doutros centros como os de Lugo e A Coruña, sería preciso contar con tres persoas do corpo de Auxiliares de Autopsias, tendo en conta que, ademais das autopsias, tamén se realizan a xestión de mostras en vivo. A media anual de autopsias é de aproximadamente 360 autopsias, chegando a rexistrarse tres nunha mesma garda.
Igualmente, detéctase unha falta de formación e de protocolos específicos tanto no persoal de limpeza como no de mantemento. Por este motivo, considérase necesaria unha mellor coordinación desta administración coas empresas encargadas destes servizos, a fin de garantir unha resposta axeitada ante posibles incidencias.
En relación coa evacuación de residuos, a tubaxe procedente do sumidoiro da sala de autopsias desemboca nun sistema situado no garaxe de eliminación e tratamento de residuos, polo que resulta necesario prever actuacións coordinadas de formación e protocolo ante posibles problemas que poidan xurdir na tubaxe que tiveran que ser resoltas polo persoal de mantemento, así como sinalizar correctamente a zona.
Por todo o exposto, solicítase a adopción urxente das medidas necesarias para corrixir as deficiencias sinaladas e garantir unhas condicións axeitadas de seguridade e saúde laboral, incumprindo a normativa de prevención de riscos laborais e da sinalización obrigatoria (lei 31/95 de Prevención de Riscos Laborais e Real Decreto 486/97 e 485/97).

Para ver o xustificante de presentación do escrito preme na ligazón: