Demandamos á Dirección da AEAT que revoque a anulación de solicitudes de mutualistas

Venres, 10 Xan 2025

Na Lei do tributo á banca o goberno español colou unha Disposición Adicional 16º que deixa sen efectos o formulario para “mutualistas” e deixa sen efectos as solicitudes de devolución presentadas.

Esta medida, publicada nas festas de Nadal buscando que tivese un impacto discreto, supón tratar de furtar o dereito a cobrar a devolución destas persoas, ás que se obriga presentar novamente a solicitude nos vindeiros anos, dicíndolles que o seu tempo e esforzo non ten valor e evitando dar cumprimento á sentencia do Tribunal Supremo que ampara o seu dereito a percibir estas devolucións. Todo isto tamén despois de, durante os meses de agosto e setembro, enviarlles miles de requirimentos a familiares de mutualistas falecidos (para que presentaran o H100) e a tódolos que puxeron unha conta que non constase na Axencia que pertencera aos mesmos, para que aportasen o certificado de titularidade de dita conta. Trátase de persoas de idade avanzada que cumpriron cos trámites que a AEAT indicou para poder recibir os seus cartos e agora, cunha trapallada burocrática queren furtarlles o seu dereito a recibir o que se lles cobrou indebidamente. Outra cousa sería que por falta de liquidez teñan que abonalo en varios prazos e con xuros de mora, mais non furtar un dereito que os tribunais recoñeceron

Pero máis grave aínda é, na opinión da CIG, que con ela se lle estea a dicir ao persoal da AEAT que as súas horas de traballo e esforzo adicional realizado o pasado ano para dar atención e tramitar todas estas solicitudes de devolución carecen de valor. E que van ter que repetilo, como se a carga de traballo non abondase, outra vez nos vindeiros anos- se os mutualistas se enteran e volven presentar as solicitudes polo novo conduto reglamentario e se seguen vivos para facelo (senón, aínda será peor porque haberá que engadilos aos H100!!)
Na CIG consideramos que esta decisión, con esta mensaxe subliminal de non valorar tempo de administradas e empregadas da AEAT, deixa ao persoal da AEAT que atende directamente ao público ao pé dos cabalosA xente vai percibir que a AEAT a está vacilando para furtarlle o dereito a cobrar uns cartos que ten dereito a percibir por unha sentencia xudicial, vai vir anoxada ás oficinas da AEAT porque é a segunda ou terceira vez que lle fan presentar o papeleo e vai pagar os pratos rotos o persoal que está atendendo ao público

Por este motivo, vimos de exixir á Dirección da AEAT que demande que se modifique esta Lei para garantir a validez de todas as solicitudes presentadas até a data. Por respecto ao fallo xudicial, ás persoas que o solicitaron conforme se lles dixo que había que facelo e, sobre todo, por respecto a todo o persoal da AEAT que traballou durante este tempo en tramitar e resolver estas solicitudes.