DENUNCIA ANTE A INSPECCIÓN DE TRABALLO POR FALTA DE INFORMACIÓN SOBRE AS MEDICIÓNS DE RADÓN

Mércores, 25 Mar 2026

Debido a que as medicións de Radón encargadas no seu día pola Dirección Xeral de Xustiza para determinados edificios xudiciais foron realizadas fai moito tempo e que a adminitración, ata o día da data, non trasladou ao comité de seguridade e saúde laboral os resultados das mesmas, o 25 de marzo presentamos denuncia ante a Inspección de Traballo en Galiza nos seguintes termos: 

Os técnicos do Laboratorio de Radón de Galicia foron os encargados, por conta da Dirección Xeral de Xustiza, de realizar medicións de radón en determinados edificios xudiciais de Galicia.

O organigrama inicial de medicións nos edificios xudiciais de Galicia indicaba a avaliación de dous edificios por provincia, seguindo despois co plan de avaliación no resto de edificios xudiciais.

10/09/2024: Coruña, Tribunal Superior de Xustiza e Audiencia Provincial

11/09/2024: Audiencia Provincial de Pontevedra e Edificio Xudicial de Marín

12/09/2024: Audiencia Provincial de Lugo e Edificio Xudicial de Ribadavia (Ourense)

13/09/2024: Audiencia Provincial de Ourense

16/09/2024: Edificios Xudiciais de Noia

Despois de colocados nas datas anteriormente mencionadas os detectores os mesmos permaneceron nos edificios durante tres meses e foron retirados no mes de marzo de 2025.

No último Comité de Seguridade e Saúde celebrado o 20/10/2025, informouse que non se contaba aínda cos informes dos resultados da avaliación, prevéndose a súa chegada en novembro ou decembro de 2025 e que, tan pronto como se recibisen, se convocaría ao comité de seguridade e saúde.

A data de hoxe, finais de marzo de 2026, non se nos trasladou ningunha información sobre os resultados, polo que persiste a situación de incertidume e posible risco. (Na Audiencia Provincial de Pontevedra houbo algún caso de cancro de pulmón de persoal que estaba traballando no soto do edficio, e detectouse a existencia de 11 casos de cancro, circunstancia que esta a xerar alarma e preocupación entre o persoal, non  obstante, cómpre indicar que ata que teñamos as medicións, non consta evidencia que permita establecer unha relación directa entre os casos detectados e a exposición ao radón,., por este motivo, considérase recomendable ter os resultados das medicións do gas radón o mais asiña posible).

Ademais, no comité informouse que se autorizou pola Xunta a sinatura dun novo convenio que permitirá completar as medicións en todos os edificios xudiciais.

 Así mesmo, na  acta do comité do 20/10/2025, indicouse que non se aplicarán medidas preventivas inmediatas ata completar TODAS as avaliacións, situación que consideramos contraria á Lei de Prevención de Riscos Laborais, dado que, si se detecta un risco por radón, as medidas correctoras deben adoptarse de inmediato, sen agardar á finalización de todas as medicións en Galicia.

Fundamentos legais:

Lei 31/1995, de Prevención de Riscos Laborais, art. 14 e 15, que establece a obriga de identificar riscos e aplicar medidas preventivas de forma inmediata cando se detecte un perigo para a saúde dos traballadores/as.

Real Decreto 1029/2022 20 de decembro, directiva europea 2013/59/Euratom y Real Decreto 486/1997 (lugares de traballo).

En virtude do anterior, SOLICITAMOS  que a Inspección de Traballo:

Recoñeza e verifique a situación de risco derivada da falta de información das medidas de radón efectuadas nos edificios xudiciais indicados no corpo deste escrito.

Inste á Dirección Xeral de Xustiza a trasladar inmediatamente os resultados das avaliacións contratadas e xa realizadas polo Laboratorio de Radón de Galicia.

Garanta que, se se detecta presenza de radón por encima dos niveis legais, se adopten inmediatamente medidas preventivas, sen agardar á finalización de todas as medicións.

Supervise que se cumpran os dereitos de saúde e seguridade laboral do persoal que desenvolve a súa actividade nos citados edificios xudiciais no seu caso afectados.

Para ver o xustificante de presentación preme na ligazón: