DENUNCIA DE PREVENCIÓN DE RISCOS POR DEFICIENCIAS NAS DEPENDENCIAS XUDICIAS DE MOS E A CAÑIZA

Mércores, 16 Set 2026

Durante a visita realizada este 15 de setembro nas Oficinas de Xustiza Municipal de Mos e A Cañiza, acompañando ás técnicas de prevención de riscos laborais,  detectarose as seguintes deficiencias graves que puxemos en coñecemento da Dirección Xeral a través da pertinente denuncia:

Na Oficina de Xustiza do Municipio de Mos constatouse:

  • falta de sinalización das vías de evacuación, incumprindo as condicións básicas de seguridade.
  • incorrecta colocación do extintor.
  • saturación do arquivo xudicial, sen espazo para seguir incorporando procedementos.

Esta última situación xa fora posta de manifesto anteriormente. No ano 2024 pasou o arquiveiro polas dependencias xudiciais pero, finalmente, non se realizou o expurgo nin se retiraron as caixas, a pesar de levar aproximadamente dous anos reclamándose esta actuación.

Na Oficina de Xustiza no Municipio da Cañiza detectáronse igualmente importantes deficiencias:

  • Problemas de humidade, cun cheiro evidente xa desde a entrada no edificio, obrigando a manter permanentemente en marcha un deshumidificador (na zona de arquivo de libros).
  • Instalacións antigas e falta de mantemento.
  • Extintor sen a revisión correspondente e incorrectamente colocado, ademais de estar afastado das zonas de traballo.
  • Problemas na instalación eléctrica, xa que os elementos de protección do cadro saltan cando se conectan as estufas durante o inverno.
  • Deficiente limpeza das instalacións, chegando os propios funcionarios a ter que retirar o lixo en ocasións.

Para visualizar a denuncia preme na ligazón: