Discriminación inaceptable: o persoal civil de Defensa queda outra vez fóra das melloras salariais
O 17 de outubro tivo lugar a segunda reunión coa Ministra. Nesta ocasión informouse dunha suposta mellora retributiva que, lonxe de corrixir as desigualdades, profundiza na discriminación existente:
● O persoal laboral percibirá unha Mellora Unilateral da Administración (MUA) de 2.400 euros anuais (2.200 € en novembro e 200 € en decembro).
● Esta MUA non é consolidable e, en realidade, non supón unha suba de 200 €, senón de apenas 175 €, xa que se descontan os case 300 € que xa se viñan cobrando.
● O persoal funcionario queda completamente excluído destas melloras, sendo doblemente discriminado polo Ministerio de Defensa.
En resumo: dende o propio Goberno créase unha discriminación dentro doutra discriminación, un auténtico despropósito que amosa a falta de vontade política de recoñecer o traballo e compromiso do persoal civil de Defensa.
Seguimos na loita por salarios dignos O 20 de outubro, na asemblea celebrada en Ferrol, o persoal decidiu continuar mobilizándose baixo o lema: “SALARIOS DIGNOS PARA O PERSOAL CIVIL DO MINISTERIO DE DEFENSA”.
A asemblea acordou convocar unha manifestación o xoves 13 de novembro ás 11:00 h, con saída dende a Porta do Parque do Arsenal de Ferrol ata o edificio de Facenda.
Así mesmo, o 20 de novembro ás 11:00 h celebrarase unha nova asemblea no Arsenal de Ferrol para informar das posibles novidades na Mesa de Negociación e decidir os seguintes pasos a seguir.
Chamamento á unidade
A CIG chama a todo o persoal civil do Ministerio de Defensa a manterse mobilizado e unido, porque só coa forza colectiva e a presión nas rúas conseguiremos o que nos negan nos despachos.